nº 07 (2011).-SOLLA, Calros: Pepaloba manda en nós! Acordanzas dunha foraxida de lenda
©Calros Solla (http://www.galiciaencantada.com) _________ A carón da celebérrima tríade literaria do XIX (Rosalía, Curros e Pondal), artífices do rexurdir das nosas letras, a carón dos intelectuais Faraldo, Murguía, Vicetto, Lamas Carvajal ou Pintos, a carón de Benito Soto, o serodio pirata da Moureira, a caron d’A Bela Otero..., a foraxida Pepa a Loba engádese con grosa tipografía ao elenco dos VIPs decimonónicos da cultura galega. Se María Xosefa Esmorís, Pepa a Loba, fose Pearl Hart ou Belle Starr, lendarias foraxidas do Far West, Hollywood non demoraría en levar ao cine a súa trepidante biografía. Porfiando na comparanza, así como o ilustrado Sarmento non deixou camiño por percorrer, Pepaloba non deixou aldea sen a prema das súas pegadas ou sen noticia da súa calada pernocta. A lombos de Pondal, a súa cabalgadura, e na compaña de Lueiro, o seu can fidel, Pepaloba e os seus secuaces emboscaban, ao socairo da noite, os incautos custodios de bulsas e cofres. A nena que atinxira dar morte á fera lobada, a moza condenada a prisión por un crime non cometido, a solerte evadida, a vingatíbel, a muller a quen a miseria e a inxustiza chimparon aos camiños campou por Galiza enteira e, xaora, pola Terra de Montes. Non hai muíño, nin coveira, nin alboio nos que a Loba non achase acubillo. Non hai trapela nin faiado que, en tácita complicidade, lle negasen o agocho, librándoa, unha e outra vez, das gadoupas da autoridade. Non hai cociña que non conserve a recado a cadeira onde, presidindo a mesa, acomodou as cachas Pepaloba –cando menos, eu sei dunha, balorecendo nun faiado de Castro (Domedio). Pondo en orde as miñas anotacións para Cerdedo, sábese que a Loba fixo a espera na ponte vella de Parada, na ponte do Barco, na volta de Piñoa, na Raposa, no fondal de Pontapedre, na encrucillada de Antas, na congostra do Retortoiro... A Loba aconchegouse na Cova do Ladrón (Pedre), na Pena da Moura (Quireza), en Cavaladrós (Meilide), onde disque namorou a Foucellas –aínda que non fosen coetáneos... A Loba albiscou o horizonte expedito dende o alto Seixo, dende a Conla, dende a Baiuca, dende a Porteliña... A Loba partillou cea inopinada en Domedio, na Vilalén, en Serrapio, en Carballás, na abandonada aldea de Fraguas... Cando escurecía, toda a terra era dela. Foi Cerdedo encrucillada das súas andanzas, non en van, en Quireza asentaba unha das súas máis reputadas cuadrillas e, no terrón de Pedre, adoitaba a Loba celebrar os seus xuntoiros. É ben sabido que un dos cuarteis xerais da gavela localizábase no casal das Cortellas –chouzas para o gando–, herdade de Pedre, hoxe, pertencente ao concello de Cotobade.
E dende aí ollaban as veredas e os camiños travesos, co-a carabina ó lombo, do paso dos civiles en axexo, os espías da Loba e de Xan-Quinto ladróns e cabaleiros.
Xosefa, Pepa, Pepona, levada aos libros, entre outros, por Emilia Pardo Bazán e Ramón Cabanillas (os versos lidos son do de Cambados), é un exemplo de “boa ladra”, terror de pazos e reitorais e alivio de menesterosos. Apresada e recluída no cárcere da Coruña, recibiu, cara á fin de 1863, a visita de Concepción Arenal quen ficou abraiada pola teimuda determinación da nosa personaxe, condenada a cadea perpetua. A indomábel fuxirá do penal anos despois, cadrando co rebumbio da Revolución do 68, e nunca máis dela se soubo. Naquela Galiza da décimo nona centuria, aínda medieval no seu cerne, a bandida Pepa a Loba era a lei: Des que se pon o sol, Pepaloba manda en nós! Malia que, entregada a unha vida delituosa, esta muller, destemida, feita a si mesma, deixou na práctica exemplos abondos do seu loábel compromiso: roubar os ricos para repartir cos pobres. A súa astucia e xenerosidade callaron no pobo que a lembra heroína perdurábel. Os canteiros de Terra de Montes, dende aquelas, cando lle dan o visto e prace a unha “muria”, exclaman: Aprobado pola Loba nas Cortellas de Pedre! ou Aprobado polas Cortellas de Pedre!, un xeito retranqueiro de expresar conformidade pola obra feita, arremedando a unha Pepa rexente e os seus correlixionarios, cando as sesións parlamentares nas Cortellas. Carlos G. Reigosa que novelou, recentemente, os seus feitíos (Pepa a Loba, 2006) conclúe: Non esquenzan que esta é unha novela... que termina aquí. A Loba, en cambio, segue cabalgando libre, inapreixable, no imaxinario popular. Faro de Vigo-Terra de Montes (22-2-2011). * *