Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

REVISTA (ISSN 1887-2859)

nº 03 (2007).-BLANCO PRADO, J. M: Fondos etnográficos e antropolóxicos de Galicia na biblioteca do Seminario Diocesano de Lugo (II).

©José Manuel Blanco Prado (http://www.galiciaencantada.com) _________ Artigo publicado orixinalmente en “Lucensia”. Miscelánea de Cultura e Investigación. Biblioteca Seminario Diocesano. Nº 21. Vol. X. Lugo, 2000, páxs. 329-341 [versión ampliada]. ____________________________________ Neste segundo artigo sobre o tema proposto, fago alusión a trinta e oito obras, que clasifico, segundo unha orde cronolóxica, do ano 1886 ó 1979. Dezanove destas obras non puideron ser analizadas, no primeiro artigo, por motivos alleos á miña vontade, de aí que faga referencias a elas no presente estudio. Desde o punto de vista temático, sinalo dous niveis no presente traballo. 1. Consta de trinta obras de contido etnográfico exclusivamente, das que fago unha distribución do seguinte xeito: 1.1. Cancioneiros:4 1.2. Contidos sobre a cultura espiritual:10 1.3. Contidos sobre a cultura material:3 1.4. Contidos sobre a cultura espiritual e material:2 1.5. Contos:4 1.6. Gastronomía:1 1.7. Lendas:1 1.8. Refraneiros:4 1.9. Romanceiros:1 2. Componse de dúas obras de carácter xeral: Os Galegos e a Hª de Galiza (T.I). Nelas hai importantes estudios sobre a cultura espiritual e material de Galicia, realizados por Taboada Chivite e Vicente Risco, respectivamente. Tanto este traballo como o anterior e o seguinte, que vai tratar sobre os mesmos temas, aínda que nas décadas dos oitenta e noventa, son fundamentais como guías para tódalas persoas que leven a cabo investigacións no eido etnográfico e antropolóxico (nota 1). RELACIÓN DE OBRAS. PÉREZ BALLESTEROS, José.: Cancioneiro Popular Gallego (y en particular de la provincia de La Coruña) T.I. Madrid: Est. Tip. de Ricardo Fé, 1886. Esta obra consta de 284 páxinas. Ó inicio hai un prólogo do mitógrafo portugués D. Theóphilo Braga sobre a poesía popular de Galicia. Logo, ata a páx. 210, Ballesteros fai unha descrición dun cancioneiro que versa sobre os seguintes temas: agravios (14), agrícolas e metereolóxicas (7), amorosas (39), animais, plantas e froitas (27), aritmética (1), astros (2), ausencias (4), baile e música (7), benvida (2), burlescas (64), casamento (6), celos (1), consellos (6), cualidades persoais (30), conxuro (1), desaires (3), desdéns (3), desenganos (2), despedidas (15), desprezo (5), diálogos y enchoiadas (14), diálogo entre dous homes (2), diálogo dos doce sentidos (4), días da semana (3), dote (4), idades (1), educación (2), doenzas (2), ensinanza (1), experiencia (1), fantochadas (5), xeográficas (40), graciosas (2), honradez (1), indefinida (1), intereses (2), xogo de terminacións (1), maldicións (5), mentir (1), muiñeiras (20), murmuracións (3), nomes de persoas (1), oficios (56), perdas (2), picarescas (88), piropos (8), queixas (2), reconvención (2), reflexivas (19), reunión alegre (1), rondadores (4), santos, santuarios e romarías (32), superstición (1), temor (2), tristeza (19), veciños (1). Ó rematar cada tema o autor indícanos onde foron recollidas a maioría das cántigas. Finalmente, da páx. 210 á 234, hai un apéndice de Antonio Machado y Álvarez que fai mención a analoxía entre algunhas cántigas galegas e outras coplas andaluzas, casteláns e cataláns (nota 2). PÉREZ BALLESTEROS, José.: Cancioneiro Popular Gallego (y en particular de la provincia de La Coruña) T.III. Madrid: Est. Tip. de Ricardo Fé,1886. Ballesteros, nesta obra de 301 páxinas, expón un cancioneiro, que trata sobre os seguintes asuntos: agravios (13), agrícolas (1), aguinaldo (5), alboradas (2), amorosos (55), animais, plantas e froitas (53), astros (3), ausencias (9), baile e música (10), burlescos (44), cantar(sobre)(18), casamento (26), celos (2), cinco sentidos (6), xantar (24), consello (20), cualidades persoais (46), berce (2), desaires (6), desconfianza (6), desengano (1), desdéns (3), desexos (2), despedidas (15), desprezos (6), diálogos e enchoiadas (10), días (4), dote (4), idades (1), educación (1), doenzas (5), ensinanza (2), fantochadas e valentonadas (11), xeográficas (76), graciosos (139), gratitude (1), roubo (2), infantís (9), xogo de palabras (1), hábitos (1), honradez (3), indolencia (1), intereses (6), malevolencia (2), maldicións (11), mentiras (2), meses (2), metereolóxicos (1), muiñeira (47), murmuración (11), nomes de persoas (3), odio (2), oficios (17), perdas (3), picarescas (49), Piropos (10), pregóns (1), queixas (1), reconvención (7), reflexivos (34), relixiosos (4), rondadores (7), romances (2), ruada (1), saúdo (4), santos, santuarios e romarías (22), sucios (10), supersticiosos (4), trabalinguas (3), traxes (11), tristeza (21), vacilación (3), vilancico (1). GÓMEZ LEDO, Avelino.: Romanceiro Compostelan. Madrid: Tip. Porta-Coeli, 1926. Nesta obra de 123 páxinas, o autor manifesta ó comezo " que son traballos que fixen, dos dezasete ós vintedous anos, á sona da catedral de Compostela po-lo ano 1920, sendo estudiante...". O devandito romanceiro componse dos seguintes romances: Sant-Iago e pecha Hespaña, Compostela, ¡ ultreya!, badaladas, S. Pedro de Mezonzo, retabro d'Anemas, a visón do pórteco, o cabaleiro d'Asís, cirios acesos, a procesión, lenda de Calromanno, ¡que tempos!,lembranzas, canto de bruxas, malpocados, a una señora de, ¡quén me dera!, o anxelus, o Pico sagro, ¡adeus!. Ademais a obra leva tres ilustracións; unha delas é un importante gravado do libro "Pilingrinaceón e Camiño de Sant-Iago", que escribiu en versos pareados o alemán Hermann Kiining de Vach. Este libro foi impreso en Estrasburgo no ano 1496, e traducido ó castelán por Vázquez Queipo. PEREDA ÁLVAREZ, José María.: Aos Contos. Lugo: Ed. Palacios, 1930. Esta obra consta de 191 páxinas. Nela, o autor fai alusión ós seguintes contos: polvos do querer, curarse en saúde, inxuria singular, ¡ ollo, fondistas !, un precursor do bolchevismo, e audacio, eses "water-closets", ¡ son bos !, o pé da letra, algo que xa morreu, cásate e, ¡ esta, e qu'e cruz !, a razón da sinrazón, a guerra, pra quén-a arma, dín que foi certo, candediño, contas co estado, na escola, se tes home, estudia, pra que nos queiran, na escola, anestésico infalibre, un gallego enmascarado, un roubo orixinal, non se conxola, na obriga, cazurreiría, non te gabes, xogar o pau, orixe d'unha casta, un romedio contr'a pinga, unha prenda d'abrigo, un derroche, gaña boa fama, guardando bacelos, namentras choraban escolas, onte e hoxe, o que malas mañas ten, franqueza galega, a saída d'un parvo, infamidades, corolario falso, cuase o mesmo, medorentos, unha conquesta, o qu'elas cavilan, entre carboeiros, primeiro de santos, edá pra se casar, esquecido, trastadas, e vaia outro, un adiviño, consello d'amigo, custion de nome, non ver a trave no d'un, o pino, tal pra cal, outro que nos colgan, de mi diario (O burgués). OTERO PEDRAYO, Ramón.: Contos do camiño e da rúa. Santiago: Nos. Vol. LII. 1932. Nesta obra de 114 páxinas, o autor fai mención ós seguintes contos: a sirena, a criada, o fidalgo, o pecado, o pago das cinco chagas, medicina legal, Dª Xohana e D. Guindo. FRAGUAS FRAGUAS, Antonio.: "Contribución al estudio del columpio en Galicia", Separata da Revista Portuguesa de Filología. Vol. I, T. II. Coimbra. Casa do Castelo. 1948. Nun breve artigo de 12 páxinas, Fraguas dá unha significación das palabras bambearse e bambán. Logo establece unha comprensión sobre as variedades de bambáns populares e non populares, usados en Galicia, acompañada de dezaseis debuxos e unha ilustración. Finalmente presenta unha lista de máis de sesenta designacións galegas sobre o bambán, e os lugares onde se empregan. Como remate da obra hai, da páx. 14 á 21, un aditamento de María Palmira da Silva Pereira, sobre os baloicos do Norte de Portugal. FILGUEIRA VALVERDE, J.: La Artesanía en Galicia. B. Aires: Ed. Galicia del Centro Gallego de B. Aires, 1953. O autor, nesta obra de 91 páxinas, fai mención ós seguintes oficios: a cantería e os seus mestres, os carpinteiros e entalladores, os pincelistas e douradores, a cerámica, o vidro, os ourives e prateiros, a eboraria, a azabachería, os ferreiros, o bronce, a arte dos reloxos, as tecedeiras, as palilleiras, os brosladores, os cereiros, a organería, as artes gráficas, os oficios transhumantes, a pirotecnia e o ramo. A obra leva ademais dezaseis ilustracións sobre diferentes oficios e algunhas das súas obras. Ademais o autor fai referencia a unha bibliografía sobre os distintos oficios aos que alude na devandita obra. GARCÍA-SABELL, Domingo.: Notas para una antropología del hombre gallego. Madrid: C. Ibérica, nº 9. Ed. Península, 1966. Esta obra consta de 212 páxinas. Nela, García Sabell fai mención de tres temas xerais: A fame galega. 2. O feito existencial do home galego doente. 3. A saudade por dentro. 1.No primeiro tema, o autor alude, entre outras, ás seguintes cuestións. Áventura científica da fame; algúns datos materiais sobre a mesma; a nutrición en Galicia; a fame no corpo e no espírito; antropoloxía sobre a fame; a memoria da fame etc. 2.Con respecto ó home galego doente son importantes as referencias que o autor fai sobre o concepto de doenza; a realidade da doenza; as tres actitudes do home galego fronte a enfermidade:a actitude entregada á doenza, a actitude negadora da enfermidade e a actitude de comunicación coa mesma. Finalmente, en canto a saudade, García Sabell manifesta "que el primer momento del proceso interior, en la Saudade, puede definirse como un sentir con mayor agudeza de lo cotidiano, con una acuidad terrible y dolorosa, la dimensión problemática de la vida...La vida va hacia un lado como podría ir hacia otro, no se justifica, queda en el aire. El hombre comienza a sentirse espectador angustiado de sí mismo..." LISÓN TOLOSANA, Carmelo.: Antropología cultural de Galicia. Madrid: S. XXI, 1971. Os contidos desta obra reproducen o material etnográfico, recollido duns mil cincocentos informantes das catro provincias galegas durante os anos 1964-65. A obra consta de 408 páxinas. Nelas, Lisón fai unha análise antropolóxica-social dos seguintes temas:o municipio, a parroquia, a aldea, a mellora, a manda patrilineal e matrilineal, e a casa no sudoeste ourensán. O autor fai referencia ó municipio como "o segmento político-administrativo menor". A súa competencia inclúe o goberno e administración dos intereses das distintas comunidades que o forman:xestión urbanística, transportes, instrucción e cultura, pavimentación de vías públicas etc. A capital municipal adoita se-lo centro económico do municipio na maioría dos concellos. Lisón alude á parroquia como " una unidad geográfica, social y cultural bien delimitada". Ó seu fronte hai un pedáneo, designado polo alcalde do concello, que publica os bandos do concello, fixándoos na porta da igrexa, tendas e tabernas. Exerce as funcións que lle encomenda o concello. Aínda que a parroquia non está considerada oficialmente como unha entidade con personalidade xurídica, os concellos e as súas autoridades téñena en conta como unha unidade real que canaliza a administración municipal. Por outra banda a parroquia equivale a un territorio incluído baixo a xurisdicción espiritual do crego no seu ministerio pastoral. Con respecto á aldea, menciona " que es la tercera segmentación rural". Na provincia de Pontevedra e nalgúns concellos de Lugo e Ourense estas pequenas entidades de poboación reciben o nome de barrios; pola contra, na provincia da Coruña, os barrios son substituídos por lugares. Nas aldeas, as formas de organización comunitaria teñen como fundamento a interdependencia dos veciños ó afrontar problemas comúns, a necesidade de formas de comunicación para resolvelos e a ordenación local da actividade para conseguir resultados máis eficaces. Lisón expón que o sistema de transmisión da propiedade en Galicia baséase na mellora ou manda. A mellora consiste en que o fillo, que ficaba na casa, herdaba o tercio e o quinto de tódolos bens paternos e maternos. Os irmáns restantes víanse obrigados a aprender un oficio, a emigrar ou a quedar na casa,dependendo do irmán mellorado. Case sempre lle vendían a este a súa pequena herdanza o que motivaba que o patrimonio familiar pasara moitas veces intacto ó que recibira a manda. En relación á manda matrilineal non é tan ríxida como a patrilineal. Normalmente á muller casada na casa déixanlle a casa, o gando, os apeiros de labranza, a horta e unha ou dúas fincas. O resto queda dividido en partes iguais. No sudoeste ourensán, o autor fai mención da tenza, que consiste en dividir todo o capital dos pais, cando quedan sós, entre os seus fillos. Estes teñen a obrigación de coidalos e sufragar tódolos gastos que fixesen falta. A obra remata cunha bibliografía, catro mapas sobre as provincias galegas e un índice de nomes. RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús.: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Lugo: Ed. Celta, 5ª Ed., 1971. Esta obra está composta de 276 páxinas. Foi escrita para o Certame Literario de Monforte do ano 1895, mais non puido presentarse, xa que a autoridade eclesiástica ordenou a súa retirada, prohibindo a lectura, retención e reimpresión da mesma. Nesta obra, o autor alude ós seguintes temas: 1. A definición e unha análise histórica da superstición. 2. As causas da superstición e unha clasificación da mesma. 3. As supersticións de culto superfluo: o responso do S. Antonio, os escritos, os papeis benditos etc. 4. As supersticións de culto indebido: o toque das campás contra o trono, o conxuro das doenzas, o corta-la solta... 5. Algunhas formas de adiviñación: bota-las cartas, a boaventura, os ouveos dos cans, o grallo de certas aves nocturnas, o diaño nigromántico etc. 6. A va observancia. Neste tema, incluímo-los seguintes contidos: oracións para curar certas doenzas, o culto ós astros, ó lume, á auga, ás pedras, ás árbores, ós animais, as virtudes da noite do S. Xoán, as fadas e os encantos, os prodixios do home e preocupacións de diversa índole. 7º. O maleficio. Abrangue as seguintes cuestións: os xenios maléficos -nuboeiros, tronantes, o tardo, o tangaraño-, os aparecidos e pantasmas, as bruxas e bruxos, o mal de ollo, os endemoniados. O libro remata, falando Xesús dalgunhas consideracións científico -relixiosas, e da fe e o progreso. ALUMNOS DE 4º B DO INSTITUTO DE LUGO.: Refrás da nosa xente. Lugo: Ed. Celta, Lugo, 1972. Esta obra, coordinada polo profesor D. Xosé Alonso Montero, está formada de 31 páxinas. Os autores, que son tódolos alumnos de 4ºB do Instituto Masculino de Lugo do ano 1972, fan mención a un conxunto de refráns que tratan sobre os seguintes asuntos: o acougamento da conciencia(1), o aforro (3), a guerra (4), a lei da selva (1), a ambición e as cobizas (5), as amizades boas e ruíns (11), a morte (7), a muller (15), as aparencias i enganos (11), as cousas e os seus efectos (1), o asoballamento (2), a verdade (2), as causas, efectos e consecuencias (23), as circunstancias da vida (10), as clases sociais (22), o clima e tempo (2), a condición do home (4), os consellos de ouro (2), os consellos (11), a constancia (2), cousas varias (11), os cregos e frades (8), a desconfianza (3), a discriminación da muller (8), as idades (6), o egoísmo (1), as estaturas (2), os estudiantes e mestres (7), a experiencia e inexperiencia (7), falar ¿para qué? (3), a fame e necesidade (21), o fatalismo (1), a función das cousas (1), o goberno (2), a igualdade (3), a impersonalidade (4), a insolidariedade (1), a inxustiza (4), os ladróns (4), o medo (1), o amor (18), o diñeiro (4), o diñeiro e o seu poder (11), a oportunidade (5), os fillos (6), os nenos (2), os vicios son evidentes (1), o viño (9), o poder das ideas (1), o presentimento (3), os proxectos non levados á realidade (2), a responsabilidade e irresponsabilidade (3), a pobreza (1), a rebelión (1), a sobreestimación (3), a boa e mala sorte (3), as supersticións (3), a teleoloxía (1), o traballo (9) e os xuízos precipitados (2). ANÓNIMOS.: Cantares de Cego. Vigo: Col. "O Moucho", nº 24. Ed. Castrelos., 1972. A obra está composta de 48 páxinas. Ó comezo, hai un limiar de D. Xosé Mª Álvarez Blázquez que fai referencia á temática dos cantares de cego: crítica social, enfrontamento de sexos, casamentos ridículos, sucesos tráxicos, vidas de santos e outros temas piadosos, sinais da fin do mundo...Logo descríbense trece romances de temática variada, cada un deles precedidos dunha ilustración. TABOADA CHIVITE, Xesús.: Etnografía Galega. Cultura Espritual. Vigo: Galaxia, 1972. Nesta obra de 200 páxinas, o autor fai mención a unha serie de contidos que versan sobre a cultura espiritual galega: 1.A Etnografía e os seus problemas. 2.Os diferentes momentos da nosa vida: a infancia, a mocidade, a voda, a vellez e a morte. 3.Unha serie de festividades de índole xeral: o Nadal, o Entroido, a Semana Santa, os Maios, o Corpus e o S. Xoán. 4.Algúns xogos tradicionais . 5.Remedios para curar determinadas doenzas. 6.O mito e o culto ás encrucilladas, as augas, as pedras, as árbores, ao lume, á lúa. 7.O mal de ollo, as bruxas, os agoiros, os presaxios e as premonicións. 8.Algunhas cuestións, ligadas coa relixión e literatura popular:oracións, romarías, refráns, ditos, cantigas, romances, adiviñas, contos e lendas. 9.Como remate as danzas populares galegas e os instrumentos musicais máis importantes. BEN-CHO-SEY.: Contos do Fiadeiro. Vigo: Col. O Moucho, nº 29, Ed. Castrelos. 1973. Neste libro de sesenta páxinas, o autor describe os seguintes contos, recollidos nos fiadeiros: un hombre de concencia, Sant-Yago e S. Andrés, de como Yago non estivo en Clavijo, os tres irmáns, don Lamberto, os vidros rotos, o traxe de festa, o traballar é unha desgracia, deliraba, a Santa Compaña, non pasóu, o reiseñor e a doniña, polo río abaixo, un mes de ánimas, non quero líos, conto vello, fuxía do demo, vestir ó espido. CABANILLAS, Ramón.: Cancioneiro popular galego. Vigo: Galaxia, 3ª ed., 1973. Esta obra consta de 203 páxinas. Trátase dunha escolma, na que hai cantigas recollidas nas aldeas e ribeiras do val do Salnés, nas coleccións inéditas de D. Xosé Ramón e Fdez-Oxea, nos cancioneiros de Pérez Ballesteros, Cotarelo Valledor e Filgueira Valverde, nos traballos publicados na revista "Nós" por V. Risco, F. Cuevillas, Antón Fraguas, Xaquín Lourenzo, Francisco Lanza e Ben-Cho-Shey. A temática do cancioneiro está distribuída do seguinte xeito: sentimentos amorosos (175), donaires do torreiro (207), santos, cregos e santuarios (68), consellos e refráns (56), oficios (42), costureiras e xastres (19), coitas, burlas e desdéns (95), de anda-lo camiño (19), lembranzas das aldeas (19), vellos e sogras (29), casados e viúvos (17), nais e nenos (8), fachendosos e murmuradores (30), adeuses (12), saudade (32), triadas (41) (nota 3). CUNQUEIRO, Alvaro.: A cociña galega. Vigo: Galaxia, 1973. Nesta obra de 161 páxinas, Cunqueiro dinos, nun breve limiar, " que louvemos o que dá pra xantar a terra, o que dá o mar, a grande diversidade das cousas que o galego pode levar á súa mesa, os pratos de rara perfección, os queixos, os viños..." Logo fai mención das seguintes cuestións: a matanza caseira, os caldos, as ensaladas, os pementos, o lacón con grelos, o xamón, as empanadas, os mariscos, o polbo, os peixes de río, as sardiñas, o bacallao, as carnes, os capóns, os queixos, o requeixo, os doces, as filloas, as froitas, e os viños. A obra leva ademais unhas trinta ilustracións ligadas coa gastronomía galega. MOREIRAS SANTISO, José.: Os mil e un refráns galegos da muller. Lugo: Ed. Celta, 1973 (nota 4). O autor, nesta obra de 92 páxinas, fai ó inicio mención ó prólogo de Dª Aurora Marco, segundo o cal " o presente libriño é froito dun minucioso labor feito polo seu autor de obras de diversos escritores dos séculos XIX e XX, vocabularios, diccionarios e recollendo todo o relativo a refráns espallados por outros lados, ademais do que el poido arrecadar persoalmente". Logo fai unha clasificación dos refráns sobre a muller galega, atendendo ás seguintes materias: certas cousas que convén ter en conta no casorio (18), consellos ós pais (20), home e muller (30), ¿que lle pasa á muller do ...?(16), ¿ pode a muller vivir sen home e o home sen muller? (22), e os fillos ¿que? (17), consellos ás mulleres que tamén os deben coñece-los homes (22), do poder e influencia do diñeiro que é menos que o da muller (20), ¿en que pasa ou debe pasa-lo tempo a muller? (16), "hora punta" na muller (14), da discriminación da muller (17), ¿cales son as boas mulleres? das súas gracias e desgracias (28), do corpo, ben ou mal feito, da muller (25), ai, a lingua das mulleres....¡ Esplexan a un! (22), sorte das mulleres limpas, goberneiras, fachendosas, compostas...etc (20), sorte das mulleres envexosas, meigas, e demais cousas polo mesmo xeito (28), ¿a que cousas se chega a comparar á muller (29), o amor e os seus perigos (29), da moralidade, honra e demais cousiñas na muller (32), das viúvas, que aínda, aínda...(19), das sogras, noras e xenros (25), da nugalla e demais compaña (23), ¡dúbidas:unha cousa ou outra!(28), das madriñas, comadres (13), ¡cousas que se herdan...! (11), cada cousa no seu tempo e no seu posto (29), media muller abonda (16), dos desenganos da morte (14), dos fins e das equivocacións (9), cousas que pasan....Algunhas sen querer! (26), non te fíes...¡ Pois vai ti saber! (23), da loucura e as súas consecuencias (12), se podes, ¡Líbrate dalgunha muller! (10), díxoo e preguntou (15), ¿cando se han facer certos labores?(22), crenzas (10), a cabra co vicio...(14), de todo un pouco (23), consellos, venturas e desventuras dos homes coas donas (44), advertencias e consellos ás casadas(13), tentacións e picantes (42), mulleres que saben latín (12), engadega (19). POPULAR.: Refraneiro do viño. Vigo: Col. “O Moucho”, nº 3, Ed. Castrelos. 4ª ed. 1974. Nesta obra de 58 páxinas, hai cincocentas cinco sentencias, recollidas do pobo, que podemos distribuír do seguinte xeito: 1. Das gracias e desgracias e moralidás do viño (133). 2. Do comer e beber, que todo é unha mesma danza (96). 3. Da auga i o viño que non andan moi católicos (31). 4. Das adegas, as cubas i os pipotes (21). 5. Das tabernas, dos taberneiros e da súa parroquia (40). 6. Da bota, o cabazo i a cunca (22). 7. Da viña, que é a nai do viño (45). 8. Das uvas, que ás veces son verdes e ás veces maduras (24). 9. Do tempo i o traballo que son os pais do viño (79). 10. Das terras e das xentes (24). Ó remate da obra hai un breve vocabulario. CABANILLAS, Ramón.: Romaxes da Franqueira. Vigo: Col. "O Moucho", nº 40. Ed. Castrelos, 1974. Esta obra está composta de 47 páxinas. No limiar, D. Xosé Filgueira Valverde menciona algunhas promesas, que se realizan no santuario, a procesión da Virxe e algúns milagres. Logo o autor distingue tres temas: a visión que dá un ofrecido sobre "as romaxes da Franqueira", o romance do cristián e o mouro e como remate vintenove cantigas de andar camiño referentes á Franqueira. O CIPRIANILLO.: Os tesouros de Galicia. Vigo: Ed. Castrelos, 1974. Nesta obra de 77 páxinas, hai un limiar de D. Xosé Mª Álvarez quen manifesta " que xa dende o século XVII andou de man en man un libro de esconxuros atribuído a S. Cipriano, tirado do francés. O anónimo autor do libro, coñecido vulgarmente por o Ciprianillo era un grande humorista... Ninguén se parou a pescuda-las verdadeiras motivacións deste revoltallo literario. Se a Inquisición o levou ó fogo, non se demostra senon que, por ser un libro de humor, a Inquisición nono podía entender." A obra presenta tres temas básicos: historia verdadeira acontecida no Reino de Galicia, triángulo para o desencanto dos tesouros e cento setenta e catro referencias sobre os encantos e tesouros que se atopan en Galicia. Equipo A.P. (Emilio, Xesús, e Sara Alonso Pimentel).: O Clero na literatura popular galega, Cancioneiro e refraneiro. Madrid: Coleucción “ Arealonguiña”, Akal, 1975. Esta obra está composta de 71 páxinas. Na primeira parte, os autores mencionan un repertorio de cantigas sobre os seguintes temas: comida (5), bebida (7), mozas (25), criadas (33), sobriños do cura (12), enterros (5), vodas (4), cregos e lugares (31), frades (8), sancristán (2), crego no muíño (10), temas varios (34), o gato do convento (2). Na segunda parte, expoñen unha serie de refráns sobre as seguintes cuestións: crego e comida (14), facenda e interese do crego (10), estamentos que hai no clero (32) -papa (2), beneficiado (1), prior (1), capelán (1), abades e cregos (8), frades (7), monxas (1), sancristáns (1)-, igrexas (11), conventos (1), temas varios (6). Logo describen os cinco mandamentos do crego. Como remate, os autores fan referencia á bibliografía consultada. RODRÍGUEZ CASTELAO, Alfonso.: As cruces de pedra na Galiza. Madrid: Akal, 1975. Ed. facsimil dun libro feito na Galicia emigrante (B. Aires) no ano 1950. O autor menciona, nesta obra de duascentas oitenta e dúas páxinas, os seguintes temas: as cruces precristiáns; as primeiras cruces cristiás na Galiza; a cristianización de menhires, miliarios, hórreos e diferentes aspectos referentes ós cruceiros: xénese, expansión, artífices, descrición dos distintos elementos. Ademais Castelao incorpora abundantes debuxos ó presente traballo. A súa temática é a seguinte: insculturas cruciformes (130), cruces cristiás (173), cristianización dos miliarios (7), cruz dos peregrinos (9), cruz nas portas e portalóns (18), cristianización dos hórreos (23), xénese dos cruceiros (3), espandimento dos mesmos (2), pecado orixinal (13), evolución das cruces (27), estilización do peito e ventre de Cristo (55), Virxe das Angustias (5), Piedade galega (29), posturas que adopta Cristo nas Piedades galegas (29), nas Piedades Bretonas (23), calvarios de Beade e Bueu (3), Ao remate do libro, o autor describe, en setenta e catro láminas, diferentes debuxos sobre os cruceiros: tipoloxías de Cristo no anverso da cruz (70), tipoloxías da Virxe no reverso da cruz (57), relevos no fuste (26), petos de ánimas (7), cruceiros de capeliña e detalles (14); tamén dez fotos sobre cruceiros de A Coruña e dous de Ourense. BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R., DÍAZ-FIERROS,F., FABRA BARREIRO, G. y otros.: Los Gallegos. Madrid: Ed. Istmo, 1976. Esta obra está composta de 547 páxinas. Da 149 á 219, Taboada Chivite menciona distintas cuestións da cultura espiritual e material galega referentes ós costumes ligados ó ciclo vital: embarazo, nacimento, infancia, mocidade, matrimonio, madurez e morte; ás crenzas populares de etioloxía mítica, á maxía e bruxería, á literatura popular, á música e danza, á economía, á vivenda e anexos, aos instrumentos de traballo, aos oficios e á indumentaria. O traballo leva ademais vintetrés fotos e vintecatro debuxos, que reflicten diferentes temas da cultura popular galega. CARRÉ ALVARELLOS, Leandro.: Las Leyendas Tradicionales Gallegas. Madrid: Col. Austral, nº 1609. Espasa-Calpe, S.A. 1977. Esta obra consta de 304 páxinas. Da 11 á 16, hai un prólogo de D. Fernando de Castro y Pires de Limar, director do Museo de Etnografía e Historia de Oporto, que fai un breve comentario dalgúns familiares do autor: o seu pai Eugenio Carré Aldao e o seu irmán Luis Carré Alvarellos. Logo, o autor menciona as principais características das lendas galegas e as súas diferencias coas castelás. Finalmente describe dezaoito lendas populares, vinteunha relixiosas, catorce fantásticas, vintedúas históricas e trinta e seis novelescas. RISCO, Vicente.: "Etnografía. Cultura Espritual", en Hª de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedrayo. T.I. Akal, Madrid, 1979. Nesta obra de 780 páxinas, o autor expón, da 255 á 780, importantes contidos que amosan a cultura espiritual de Galicia. Estes están distribuídos en tres apartados. No primeiro, Vicente distingue tres temas fundamentais: a mitoloxía, a relixión e a superstición. Con respecto á mitoloxía, Risco fai mención aos mitos e ao seu rol; aos restos de cultos pagáns: o culto aos montes, ás augas, aos ventos, ao lume, ás árbores; á mitoloxía da serpe; as crenzas ligadas ao lobo...; aos seres míticos:as donas, aos espíritos das augas, ao trasno, ao tardo do Rabeno, do Sacauntos, da raposa...; aos tesouros encantados. En relación á relixión, fai alusión aos seres sagrados: Deus, a Virxe, os anxos, os santos; ao mundo, á vida e á morte;á fin do mundo; ao xuízo final; aos lugares de destino final da alma: o ceo, o purgatorio, o limbo e o inferno; á liturxia popular na que distingue os lugares e obxectos de culto, os obxectos piadosos, as oracións, os ofrecementos e penitencias; ás romaxes e santuarios; ás crenzas vinculadas coa relixión:os avisos e as premonicións da morte, as aparicións das ánimas dos mortos; á demonoloxía popular. Na superstición, fai unha breve referencia á historia da mesma; ás persoas con poderes especiais: o saudador, o vedoiro, o pastequeiro, os bruxos e bruxas, os sabios e sabias; á bruxería e artes máxicas; á menciña máxica e profana; ás artes adiviñatorias. No segundo apartado, o autor distingue as idades da vida e festas do ano. En relación ás idades, Risco fai referencia á infancia, á mocidade, á fase adulta e de vellez. Con respecto ás festas, alude ó ciclo do Nadal, ó Entroido, á Semana Santa, ós Maios, ó Corpus Christi, ó S. Xoán e ás festas patronais das parroquias. Finalmente, no último apartado, Risco fai mención de tres cuestións: a literatura, as artes plásticas e a música e danza. Na literatura, fai referencia, entre outros contidos, ás lendas e ós contos. En relación ás artes plásticas, Vicente distingue os cruceiros, os petos de ánimas, a arte funeraria, a talla decorativa, os tecidos, a cerámica, as xoias... Con respecto á música e danza, o autor alude ós seguintes instrumentos: o tamboril, as cunchas, a gaita, a zanfona; tamén fai unha clasificación das cantigas populares do seguinte xeito:cantigas das festas do ano, de romaxe, de divertimento, de berce e ligadas ó traballo. LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín.: "Etnografía. Cultura Material", en Hª de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedrayo. T.II, Akal, Madrid, 1979. O autor fai referencia, nesta obra de 742 páxinas, a temas de gran interese, que tentan reflecti-la cultura material de Galicia. Na súa composición, distingue cinco apartados: No primeiro, Xaquín fai mención das seguintes cuestións: a casa, os seus elementos e dependencias, as construccións adxectivas e comunais, a moblaxe e os utensilios domésticos. En relación á casa, distingue varios tipos: a cabana, a casa redonda, a casa rectangular, as casas con acceso exterior e interior, a casa grande, o pazo, a casa vilega e a casa urbana. Nos elementos, fai alusión á parede, aos vaos das paredes, á escaleira, aos apoios, aos peches dos vaos, aos pisos, ao tellado e á cheminea. Nas dependencias, describe a cociña e as diferentes habitacións. Con respecto ás construccións adxectivas, Xaquín cita o canastro ou hórreo, a eira, o forno, a adega, o palleiro, o combarrizo, os pozos...Nas construccións comunais, ten en conta as fontes, os cruceiros, os petos de ánimas...En relación á moblaxe, describe o escano, a mesa, o galleiro, o canizo, a maseira, os leitos, as arcas, uchas, cofres...Nos utensilios domésticos, cita o trasfugueiro, as foles, as trébede, as potas, a cazola, o caldeiro etc. No segundo apartado, o autor alude á terra, á facenda, aos productos do campo, mar e río, á conservación da pesca, á caza e á minería. Na terra, expón as costas das fincas, as redaccións, as regas e o réxime da propiedade. Nos productos do campo, fai mención ao millo, ao centeo, ás patacas, ao viño, ao aceite, aos cultivos da horta, ás froitas, ás arbores. Con respecto á facenda, fai referencia á cría do gando no monte, ao gando vacún, aos porcos, aos cabalos, ás pombas, aos cans, ás pitas, aos coellos... Nos productos do mar, describe a pesca da sardiña, a do polbo, a do besugo, a da faneca, a do salmonete; tamén cita diferentes mariscos:camaróns, lagosta, centola, ameixas, percebes, mexillóns, ostras etc. Nos productos do río, Xaquín fai referencia ós aparellos de pesca, que se empregan para colle-los seguintes peixes:anguías, lampreas, salmóns, múxiles,troitas,barbos,lambercas...En relación á conservación da pesca, menciona tres sistemas: o cicial, o escabeche e a salazón. Na caza, fai alusión aos aparellos, que se usan para apresar algunhas especies, que fan dano, como o porco bravo, o teixugo...; tamén fai unha breve análise sobre o aspecto deportivo da caza. No terceiro apartado, Xaquín cita os principais oficios: carpinteiros, cesteiros, carboeiros, pedreiros, canteiros, albaneis, oleiros, telleiros, ferreiros, curtidores, zapateiros, afiadores, muiñeiros, xastres e costureiras, fiandeiras, leiteiras, lavandeiras, fogueteiros, sancristáns, feirantes; tamén fai referencia ós tecidos, describindo todo o proceso, que leva a fía do liño e da la. No cuarto apartado, fai referencia ao traxe e á mantenza. Con respecto á mantenza, distingue tres comidas: o almorzo, o xantar e a cea, mais no verán engade outras dúas: a parva e a merenda. Finalmente, no quinto apartado, Xaquín fai mención ao camiño e ao carrexo. En relación ao camiño, alude aos diferentes nomes que adopta e ós principais sistemas para o paso das correntes de auga. No carrexo, fai mención, entre outras cuestións, aos sistemas de transporte, citando o carro de bois como o máis completo. LISÓN TOLOSANA, Carmelo.: Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia. Madrid: Akal, 1979. Os contidos desta obra reproducen o material etnográfico, recollido intensamente durante os anos 1964-65 e intermitentemente desde ese último ano ata finais do 76. A obra está composta de 462 páxinas, nas que Lisón expón ás seguintes cuestións: as bruxas e a Inquisición; as fantasías reais; a sabia; a bruxa; a meiga e as crenzas. Ó inicio da obra, o autor fai unha breve análise histórica sobre as bruxas e a Inquisición. Con respecto ás fantasías reais, fai mención, entre outros aspectos, á noite do S. Xoán, que é ontoloxicamente ambigua, símbolo de diferencias e contradiccións. A actuación das bruxas vai dirixida contra as casas, gandos, colleitas e persoas, o que dá lugar a que as consecuencias da actuación crepuscular demobruxeril sexan a doenza e a pobreza. De aí que distintos elementos naturais-auga,lume...-prestan a súa enerxía e eficacia para impedir ou destruí-la actuación bruxeril e demoníaca. En relación á sabia, refire " que tiene una realidad existencial,material y tangible". É recoñecida como tal polos seus veciños, quen recomenda o seu contacto persoal a tódalas persoas, que queiran beneficiarse das súas cualidades protectoras e curativas. Lisón fai alusión á bruxa como " una persona con características defectuosas a nivel corporal, de vida en solitario, de suma pobreza y miseria..." Descobre o segredo, desvela o descoñecido, cura feitizos, doenzas longas e raras etc. A súa actividade ritual é mística, empregando os sacramentais e as pregarias. Con respecto á meiga, manifesta "que está asociada a unidades siñificativas de carácter negativo(daño-ofensa, recelo-rechazo, oposición-destrucción)". As meigas son identificadas pola súa envexosa maneira de falar, polo seu carácter irascible e comportamento pouco cívico. O seu poder reside nos ollos, por medio dos cales se manifesta. De aquí provén a frecuente equivalencia mental dos dous conceptos, de xeito que pronuncia-la palabra "meiga" é o mesmo que dicir "mal de ollo", e falar de aollamento equivale a nomear á meiga. Finalmente as crenzas amosan diferentes funcións:a vivencia do temor, o sentimento de angustia, que xorde cando as persoas imaxinan o prexudicial e perigoso por medio delas. Por outra banda, un conxunto de satisfaccións imaxinarias como a posesión mental de diñeiro e riquezas mostra unha íntima interdependencia coa crenza en encantos, que gardan moedas de ouro, e coa abundancia de tesouros ocultos ó alcance dos audaces.Tamén as crenzas reproducen simbolicamente e fomentan a agrupación e solidariedade veciñal. O traballo remata cunha bibliografía, un índice de nomes e materias e catro mapas das provincias galegas. MOREIRAS SANTISO, Xosé.: Os mil e un refras galegos do home. Lugo: Ed. Alvarellos, 1977 (nota 5). Esta obra está composta de 209 páxinas. O autor fai unha clasificación dos refráns sobre o home galego, atendendo aos seguintes contidos: avós, cuñados, sogros, xenros (16), agarimo, mimo (18), amizades (boas e malas) (23), parella (27), aparencia ou engano (29), comenencias (27), comparacións (20), comportamento (30), consecuencias (29), consellos ás mulleres (26), consellos de ouro (29), consellos ós homes (28), cousas da vida (28), crenzas (9), dalgún xeito (30), de conducta (26), desconfianza (29), díxomes (14), egoísmo (21), experiencia, inexperiencia (17), impersonalidade (15), imprecacións (28), marido (22), merda e medo (35), minusválidos (17), na casa de... (21), o home (31), o que...(31), susto (26), fillos (26), pais (19), parvadas (28), por se acaso (23), recomendacións (36), revoltallo (27), saúde (26), verdades (28), vicios e virtudes (27), avogados (16), aconsellar (27), curia (26), facenda (16), alcaldes (13), amos, criados e caseiros (22), morte (22), antisociais (21), perdición do home (22), arrieiros (17), asoballamento (22), boa ou mala sorte (26), capitalismo (23), clima e tempo (20), comida e bebida (27), cousas de Xoán (20), crases sociais (19), discriminación (19), idades (23), estudiantes, mestres (17), fatalidade (19), ferreiros (14), herdanza (16), igualdade (16), labregos (22), liberdade (14), locais (33), mariñeiros (23), médicos (17), casamento (28), oficios (24), mozo/a (23), inimigos (16), nenos (22), pobres (27), ricos (21), vellos (26), veciño (24), vilán (23), xastre (17), retranca (24), sentimentos (27), traballos agrícolas (25), apéndice (24). A obra leva ademais sete ilustracións de Ares. VARIOS.: Contos populares da provincia de Lugo. Vigo: Centro de Estudios Fingoi, 3ª ed., Galaxia, 1979. Esta obra consta de 228 páxinas. Na 7 e 8, hai un prólogo de D. Ricardo Carballo Calero que manifesta " que estes contos foron recollidos por mestres da provincia de Lugo, aproveitando os cursos agropecuarios organizados pola Inspección Provincial e fomentados por un ilustre lugués, o Presidente do Centro de Estudios Fingoy, D. Antonio Fernández López. A primeira edición esgotóuse rapidamente. Contiña 300 textos, mais unha táboa de abonantes, na que constaba o nome do mestre que comunicara o conto, o da escola que rexentaba, o do neno que proporcionou o relato e a data do curso durante o cal fora o conto recollido, no caso de que se puidese dispor de todos eses datos...Para a seguinte edición, resolveuse prescindir da táboa de abonantes. Así mesmo cumpría axeita-la ortografía ás normas hoxe en uso. Encargada desta función a cátedra de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago, encomendámo-lo labor á alumna dona María das Mercedes Brea López..." Da páx. 9 á 203, hai unha clasificación dos contos, atendendo ós seguintes temas: 1. sentenciosos (6), 2. De animais (29), 3. De burlas. 3.1. De mulleres e matrimonios (36), 3.2. De tolos (15), 3.3. De santos (7), 3.4. De enigmas e adiviñas (2), 3.4. De meigas e encantamentos (6), 3.5. De cregos e rapaces (19), 3.6. De xastres (8), 3.7. De canteiros (4), 3.8. De homes medosos (5), 3.9. De homes descoidados (6), 3.10. De avogados e escribáns (5), 3.11. De estudiantes e soldados (5), 3.12. De ladróns (3), 3.13. De cazadores (2), 3.14. De criados e señores (5), 3.15. De borrachos (2), 3.16. De cazurrería campesiña (7), 3.17. De galegos e estranxeiros (7), 3.18. Outros contos de burlas (11), 4. Contos varios (17), 5. Contos en verso (7). Da 203 á 218, descríbense catorce lendas de castros e montes. Finalmente a portada da obra foi realizada por F. Mantecón e M. Janeiro. LIS QUIBÉN, Víctor.: La Medicina popular en Galicia. Madrid: Colección Arealonga, Akal, 1980. Esta obra está composta de 338 páxinas. Da 9 á 12, hai un prólogo de D. Fermín Bouza Brey quen opina " que la medicina popular puede dividirse en dos amplios sectores: el de la ciencia popular propiamente dicha (es decir, el conocimiento y aplicación de remedios), y el segundo el conjunto de procedimientos mágicos que constituyen las supersticiones". Da 12 á 294, o autor fai alusión á etioloxía, sintomatoloxía e remedios dunha serie de doenzas: o mal de aire; o mal de ollo; a erisipela; a caída da espiñela, paletilla, galleiro e asaduras; as belidas; o herpes; a ictericia; as lombrices; o meigallo etc. Menciona algunhas doenzas da infancia: o aldrupio, o cochecha, a hidropesía, a labia, o lixo da lingua, o mal do cóbado, o postema dos nenos etc. Tamén expón os nomes, que adoptan estas doenzas en diferentes comunidades galegas, e os remedios de base popular, destacando os ensalmos. Da 295 á 308, describe algúns remedios caseiros e supersticiosos, que se empregan na cura doutras enfermidades: afonía, acedía, anemia, anxinas, asma, bocio, calos, cólicos, contusións, eccema, dolor de oídos, epilepsia, farinxites, furúnculos etc. Da 310 á 316, fai referencia á etioloxía, sintomatoloxía e remedios dunha serie de doenzas ligadas cos animais: o boubín, os chimbóns, o lixo dos cochos, das vacas, o mal da rosa, o mormo, o moquiño das galiñas, dos cans, as sapas, o torzón dos cabalos etc. Finalmente da 317 á 335, describe uns índices analíticos sobre doenzas, localidades e persoas. RIELO CARBALLO, Isaac.: Cancioneiro da Terra Cha (Pol). Sada (A Coruña): Cuadernos del Seminario de Estudios Cerámicos de Sargadelos, nº 35. Ediciós do Castro, 1980. Nesta obra de 168 páxinas, o autor fai mención no limiar, que abrangue da páx. 9 á 20, á unha serie de datos de índole etnográfica e histórica sobre o concello de Pol. Logo, describe 1150 cantigas, 48 ditos de persoas, 23 de pobos, 49 de animais, 12 cancións do Nadal, Aninovo e Reis, 15 romances e aguinaldos sobre o Nadal, 189 refráns, 85 adiviñas, 11 xogos e 27 oracións. Da páx. 137 á 150 expón un breve vocabulario en galego. Da 151 á 164 un índice onomástico e de nomes xeográficos. Finalmente a obra remata cunha bibliografía sobre os diversos contidos expostos. PEREIRA DE LA RIBA, Aureliano José.: Romancero de la ciudad de Lugo. Lugo: Alvarellos. Ed. Facsímil, 1990 A obra presenta un prólogo de D. Benito Fernández Alonso. Nela, o autor fainos, en vintedous romances, unha historia fantástica sobre a capital lucense. Entre algúns romances distingo: Santiago, Los Condes de Lugo, El maestro Raimunod, Las revueltas populares, María- Castaña, etc,. Os dibuxos son de Fole, Fernández Varela e outros. Os fotograbados de Laporta e Valdés. Foi unha obra premiada en Outono do ano 1891 no Certame da Asociación de Escritores e Artistas de Lugo . SESTO LÓPEZ, Xose.: Refraneiro da muller. Vigo: Col."O Moucho", nº 49. Ed. Castrelos, 1976. O libro está composto de setenta e nove páxinas. O autor expón mil catrocentos sesenta refráns sobre distintos temas ligados coa muller: amor, noivado, casamento, embarazo, parentes, traballo, Deus, santos, festas, saúde, morte, etc,. _______________________ nota 1.- Asesora lingüística, Dª Rosa Rodríguez Pereiro. nota 2.- Tódolos contidos que amosen un número entre paréntese indican a contía de cantigas e refráns con respecto ós temas tratados. Tamén poden referirse á cantidade de debuxos existentes en relación a unha serie de cuestións. nota 3.- Son cantigas de tres versos. nota 4.- Tódolos contidos que amosen un número entre paréntese indican a contía de refráns con respecto ós temas tratados. Nota 5.-Tódolos contidos que amosen un número entre paréntese indican a contía de refráns con respecto ós temas tratados.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: