REVISTA (ISSN 1887-2859)
nº 03 (2007).-SOLLA, Calros: A Montaña Máxica
Aínda hoxe me pregunto que caste de “cranios privilexiados” argallaron a desfeita do monte do Seixo. O Seixo, capacete enfesto da serra do Cando (vallan os 1.015 m de altitude do Outeiro do Coto), serve de linde e vincallo aos concellos de Cerdedo, Forcarei, A Lama e Cotobade e mesmo ás provincias de Ourense e Pontevedra. No cabo da pasada centuria, apelando a non sei que andrómenas estratéxicas, os gobernantes de outrora concedéronlle á empresa vasca Gamesa os dereitos de explotación dun desmesurado parque eólico. Sei de boas fontes que os estudos de impacto ambiental e arqueolóxico que outorgaron luz verde á instalación do enxeño eléctrico foron unha babecada. Só hai que subir ao lombo da montaña e contemplar o macabro espectáculo. A serra do Cando intégrase nesa entelequia denominada Rede Natura pois, neste país, as figuras de protección do patrimonio valen o que unha vaca escrocada na feira. Non hai espazos naturais máis ameazados ca os que locen a bitola de protexidos. Para máis inri, tornando ao Seixo, as contrapartidas económicas para as aldeas prexudicadas, esmola. Os beneficios para as sucesivas multinacionais que, após Gamesa, gozaron dos dereitos de concesión (Marubeni, J-Power, BBW...), pingües. Ben, verbo da miña candidez inicial, xa sei o que están a pensar. A resposta é ben sinxela. Só hai que pescudar no papelorio para determinar quen era que, na administración autonómica e local, alá polo ano 2000, cando se perpetrou tamaña felonía. O mal xa está feito –e polo que se ve, aínda por facer–. Turren os aludidos do carro da súa consciencia. Deixando a un lado o remorso e fincando a esperanza no porvir, se nos doe o monte do Seixo é porque sen dúbida estamos diante dun espazo natural privilexiado. A altura, con día claro, permite enxergar as rías de Arousa, Pontevedra, Vigo e o mar alto. Os horizontes máis afastados pousan mainos na palma da man. No verán, os veciños das aldeas estremeiras festexan nas súas lombas e picoutos a romaría da Santa Mariña e a romaría da Cruz, abofé cristianización de antigas ritualidades pagás. Non hai nada máis grotesco que participar na liturxia, sexan cales sexan os credos e as conviccións, véndote arrodeado das ciclópeas tarabelas, abafado pola súa desacougante renxedoira. Ducias de esteos de follalata ennegrecida profanan a beleza incontestábel do lugar, aínda así engaiolante. Amais da súa singularidade biolóxica e paisaxística, o monte do Seixo é unha montaña “máxica”. Este é o seu máis acaído apelativo, xa que unha oportuna pescuda etnográfica obtivo como resultado a catalogación de cando menos 30 estacións míticas asociadas a outros tantos recantos da súa orografía. O monte do Seixo convértese así, sen custo ningún, no máis primoroso parque temático da nosa mitoloxía popular: Chan de Mamas, Lagoas de Xestido (onde seica se localiza a cidade asolagada de Trentinán), Laxa Mosqueira (xa enxalzada por Sarmiento no século XVIII), Almadraque de Pirocha, Trampa do Lobo, Cruz do Seixo, Portalén (segundo os aldeáns, a porta do Outro Mundo), Marco do Vento, Chaira da Santa Mariña (onde no ano 2000 se atopou un fragmento de altar ofiolátrico arrasado pola maquinaria), Outeiro da Cama (relacionado con rituais favorecedores da fertilidade), Castro Grande, etc., etc., etc. Desque se deu por inaugurado o “Roteiro da Montaña Máxica”, no mes de decembro de 2005, moitos foron os persoeiros do mundo das artes e das ciencias que nos teñen acompañado na súa descuberta, entre outros, os prestixiosos arqueólogos Pablo Novoa e André Pena, os cales non escatimaron gabanzas para a montaña e para o labor cultural nela desenvolvido. O mesmo André Pena, en visita efectuada o pasado domingo, 8 de setembro, salientou a urxente necesidade de que a autoridade competente se implique sen reservas no proxecto “Montaña Máxica”, apadriñado pola Asociación Cultural Verbo Xido, para, efectuados os investimentos necesarios, converter o monte do Seixo no referente da cultura celta a nivel internacional, co que iso suporía como acicate turístico, daquela económico, para unha bisbarra, a Terra de Montes, que esmorece pola falla de iniciativas ilusionantes e subordinada a alleos intereses (parques eólicos, AVE, hidroeléctricas...). Menos xogos de guerra, “noches ibicencas” e touradas e máis pór en valor a historia e tradicións de noso. Así sexa. Diario de Pontevedra, 18-9-07