Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Lendas urbanas

O voto secreto

Pasou na miña parroquia nas eleccións do ano pasado. Non vou dicir nomes, que aínda viven todos os protagonistas agás un.
O home xa ía moi maior; ao mellor pasaba dos noventa e cinco anos. Cando había eleccións ían buscalo á casa. Sempre ía por el a mesma persoa no seu coche particular, un que foi concelleiro moitos anos. Polo camiño parece que o home que o levaba dáballe o sobre co que tiña que votar o vello e, en canto votaba, volvía con el para a casa.
Así foi sempre ata as eleccións de marzo do ano pasado. Foino buscar a mesma persoa, o vello subíu ao coche e polo visto xa lle dera o sobre co voto cando, vaia por Deus, ao pobre home deulle algo e morreu alí no coche antes de chegar ao sitio de votar.
O que o levaba, algunha desconfianza tería xa, non sei, cando se decatou do que pasara, parou o coche e antes de chamar polo teléfono móbil para pedir axuda, colleulle o sobre ao vello, aínda o levaba entre os dedos da man, e antes de gardalo no peto abriuno.
Pois queres ver que, polo visto, a papeleta non era a do seu partido, era doutro partido. O vello, se cadra, levaba toda a vida enganándoo e non se deron conta ata que morreu.
O que non entendo eu é como se atreveu a contalo! Se me pasara a min, non me pasaba a vergoña na vida!


[Referido por unha informante duns 60 anos que prefiere quedar no anonimato, natural do concello lucense de Castro de Rei]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: