Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Lendas urbanas

Suicídase o inventor das bolsiñas alongadas para o azucre

 

Acaba de contarmo Xulio, o dono da cafetería  de Lugo onde tomo o café da media mañá todos os días. A culpa foi en parte miña pois unha das camareiras estaba repoñendo bolsiñas de azucre desde unha caixa de cartón nun caixón ao lado da cafeteira e aproveitei para preguntarlle se sabían se era certo que esas bolsas se enchían cunha palla; que, polo visto, había persoas  especializadas en facer ese traballo usando unha cánula de plástico. Póñena na boca, meten o outro extremo nun saco de azucre a granel, logo aspiran e baleiran a medida xusta de produto ata encher a bolsa de papel que logo nos dan para acompañar o café ou outra infusión.

Xulio dixo que descoñecía como facían para encher as bolsas pero o que si era certo é que o inventor desas bolsas alongadas, que seica se fixo multimillonario porque patentara o invento, tamén se acabou suicidando ao ver que ninguén abre as bolsas da maneira máis correcta.

 Ao parecer,  a súa intención era que a persoa debía poñer a bolsa en horizontal sobre a cunca e cunha lixeira presión partila á metade para que se baleire o contido. Pero cando viu que todo o mundo collía a bolsa e, logo de sacudila, a rompía por un dos extremos, entroulle tal depresión que se quitou a vida.

Acabei o café e funme sen saber que dicir, a verdade.

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: