Lendas urbanas
O garfo
Cóntase que un mozo e unha moza coñecéronse nunha festa e deciden celebralo montándose no coche e buscando un descampado onde poder estar tranquilos.
Cando atopan o lugar que lles parece axeitado, e mentres andan cos prolegómenos, poñen música na radio para crear ambiente. Pero a emisión interrómpese porque un locutor, alasando, comunica que se produciu a fuxida dun centro psiquiátrico dos arredores dun tolo moi perigoso aínda que doado de identificar. Chámanlle “O Garfo” pois seica lle falta unha man que substituíu por unha prótese en forma de garfo.
O locutor roga aos que o vexan ou teñan algunha pista que ofrecer que chamen de inmediato á policía. Por moi pouco tempo que se demoren en avisar, ponse en perigo a vida dos que se crucen con el.
A pesar do que acababan de escoitar, o mozo desexa seguir ata completar a faena, pero a moza ponse nerviosa e insiste en marchar canto antes do lugar. E despois de discutir un pouco, arrincan o coche e vanse.
Cando chegan diante da casa da moza ela baixa do coche e ve, enganchado na porta do seu lado, un garfo pingando sangue.