Lendas urbanas
Os misteriosos números da base dos envases tetra brik
Deste rumor (hoax na terminoloxía ao uso das lendas urbanas) xa dá conta Tomás Hijo en “El libro negro de las leyendas urbanas. Los bulos y los rumores maliciosos”, Styria, 2009. En internet hai varias ducias de blogs e webs que falan do mesmo, e case sempre con informacións que tratan de desmontar unha moi difundida lenda sobre o asunto. Mais como é recurrente e cada pouco escoitamos unha nova versión, poñémolo aquí. Se nos fixamos no exterior da base dun envase tetra brik, poñamos que de leite, veremos varios números (ata 5) e segundo cal figure marcado podemos saber cantas repasterizacións leva o leite que imos consumir. Se pon 1, xa é a segunda repasterización, se 2, a terceira, … e así sucesivamente ata 5, ou sexa, cando xa se acumularan seis repasterizacións que supostamente estarían permitidas pola lei aínda que de tanto pasterizar (proceso térmico para reducir axentes patóxenos nos alimentos) o produto final non sería máis que auga abrancazada, iso si, moi liberada de toda caste de bechos. Segundo a empresa sueca Tetra Pak, a maior fabricante mundial de envases destas características, eses números non teñen nada que ver co que se di, senón co número de bobinas que se empregan na fabricación destes produto. Ou sexa, trátase dun número de orde secuencial que servirá para rastrexar o produto envasado no futuro. Eses números nunca varían e os envases, aínda que son reciclables, nunca o son, na forma orixinal.