Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Lendas urbanas

Lenda do roubo de órganos

Lección de anatomía do Profesor Willem Roell, por Cornelis Troost.
_________
Aló polo ano 1768 máis de 15.000 persoas asaltaron a Escola Médica de Lyon, crendo que había cirurxáns que roubaban nenos para disecalos. Rumoreábase que os membros da Congregación dos Oratorianos tiñan escondido un príncipe cun só brazo e que todas as noites raptaban nenos para cortarlles un brazo, a ver se lle servía ao príncipe. A intervención da policía provocou 6 mortos e 25 feridos.
Douscentos anos despois, en 1994, na cidade de Guatemala circulou o rumor de que aparecían cadáveres de nenos pobres polas rúas, vítimas de estranxeiros “gringos robachicos” que lles extraían os órganos. Houbo graves incidentes e a policía tivo que protexer da xente e sacar clandestinamente do país á americana Melissa Larson.

A lenda en Lugo
Na cidade de Lugo tamén se conta a historia dunha parella que ao saír dun almacén rexentado por chineses no polígono industrial do Ceao, na hora de peche, a muller decatouse de que esquecera o bolso dentro e volveu por el. Cando entrou atárona, metérona nun lugar escuro e déronlle unhas pastillas para adormentala. Cando ao rapaz lle pareceu que a súa noiva tardaba demais chamou no almacén pero dixéronlle que alí non había ninguén; entón chamou a policía para que fosen ver o que pasara. Cando a polícia conseguiu entrar viu un grupo de cinco chineses ao redor da moza que estaba tirada no chan, inconsciente, preparada para estirparlle os órganos. A historia remata dicindo que a policía precintou o almacén e detivo aos implicados.

Rumor, lenda urbana e xenofobia
Os trasplantes de órganos comezaron a ter éxito a partir dos anos 50 do séc. XX , e nunca se probou que ningún dos casos que causaron alarma social en calquera parte do mundo fose certo. Na Francia das primeiras décadas do s. XX eran moi populares as lendas que referían o roubo de mulleres en tendas de lencería rexentadas por xudeos para forzalas a prostituirse e en Italia contábase de raptos de nenos para o tráfico de órganos. A finais do s. XX e na primeira década do XXI, en España, Portugal e noutros países do mundo, popularizouse por vía oral, através da prensa e de internet a mesma lenda coa variante de que agora sucede nunha tenda rexentada por orientais.
A aparición e difusión deste tipo rumores, nunca certos, constitúen unha reacción da nosa sociedade fronte ao fenómeno da implantación das tendas de chineses e son produto do medo ao diferente. Só iso.
© Antonio Reigosa





Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: