Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Toponimia

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Triacastela, orixe do topónimo

Triacastela e ó nome dun lugar e da parroquia á que pertence, Santiago de Triacastela, e mais o do concello do mesmo nome da provincia de Lugo.
A orixe do topónimo non está clara aínda que no escudo municipal aparezan tres castelos dos que non hai noticia que houbese nunca polos arredores. Algúns interpretan que Triacastela pode derivar de tres castros (castellum) que forman unha especie de triángulo e que son o de Triacastela, o de Tras do Castro (ou o de San Adrián) e o de Lagares.
Outras versións sobre a orixe do topónimo son máis ben cómicas e ata divertidas, coma estas dúas que tiramos do xornal escolar “Tira e afloxa”, do CEIP “Eduardo Cela Vila”, de Triacastela (Lugo
A primeira di que estaban tres mulleres lavando no río e puxéronse a discutir, unha delas colleu unha estela (acha, racha, anaco de leña fendido dun toro meirande) cara a outra, pero entón intervíu a terceira que lle dixo:
—Tira ca estela!
E de aí quedaría o nome.
A segunda versión conta que hai tempo pasou por aquí un bispo procedente de Santiago e ao chegar ao lugar preguntou:
—Por onde se vai a Castela?
E entón un labrego foi con el a unha encrucillada e cando estaban chegando parou e díxolle ao bispo:
—Cando chegues á encrucillada, tira cara Castela!
E así puido ser.
Unha terceira versión sobre a orixe de Triacastela tirámola do libro “Somos lenda viva. Lendas para rapaces”, Lugo, Citania, 1996, de B. Iglesias e X. L. Rivas, e di así:
Era un matrimonio, el un xanciño e ela unha goberneira con mal xenio. Certo día, o home buscando onde agacharche, pois a muller perseguíao cunha estaca na man, meteuse debaixo da cama. Así pasaron o día, ela zoupando na cama e o home tratando de safarse; en chegando a noite, os dous estaban rebentados.
Entón, díxolle ela:
—Sae de aí, lambón!
—Non saio, non—repuxo el.
—Sae, que non che pego!
—Pois se non me vas pegar, tira ca estela!
—Confía en min, ho, que non che pego.
—Tira ca estela!
—Sae dunha vez —berroulle ela.
—Tira ca estela! Tira ca estela!
O home díxoo tantas veces e tan seguido, que a xente entendeu que dicía Triacastela.
O máis curioso do sucedido é que o home, sen sabelo, estaba bautizando un lugar.

Nota: Véxase outra versión sobre a orixe do topónimo.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

O topónimo Triacastela, deriva dos tres castros que arodean a antiga Vila de Tricastelle.
Tamén diversos estudos da época romana sitúan nesta localidade o "Talamina Sectorum" o Ciudad de Talamina eclave entre a cidade imperial adicada Octavio Augusto( Lucus Augusti) e a Astúrica Augusta(Astorga).

Enviado por Manuel Euloxo Gª Salgado o 11/11/2010 ás 14:51:54


Enviar comentario a este artigo: