Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Toponimia

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O Pozo Negro e o castro de Paradela

Hoxe amosamos unha lenda recollida polo prehistoriador Florentino López Cuevillas, que aparece redactada no “Terra de Melide” (Seminario de Estudos Galegos, 1933), na páxina 70.  

O intelectual refire, de xeito literal, como nas inmediacións do castro de Paradela (Toques, A Coruña), na aba que se proxecta cara o curso do rego de Montelén, existe un pozo no río que se coñece como “O Pozo Negro” e no que: “Pol-o nortee ô pe do monte onde se asenta aacrópole pasa un regato que se chama o ríoTras do Castro.N-il e n-un puzo que se coñece pol-o Puzo negro, era onde osmouros que habitaban no castro levaban ábeber ós seus cabalos”.  

Unha lenda análoga atopámola no termo municipal de Santiso, na parroquia de Mourazos, xa que na aldea de San Xurxo onde hai unha capela dedicada ó santo e cabaleiro matadragóns , e no que outrora se erguía un Castelo, existe ó carón da igrexa uns afloramentos de rocha moi visibles, en cuxa parte superior hai unhas pías naturais, das que conta a tradición que eran os bebedoiros dos cabalos dos mouros que edificaran o castelo.  

 O Pozo Negro, é unha das pozas naturais existentes ó remate do rego Pequeno de Montelén, curso fluvial tributario do río Furelos, que desauga nel por dúas ramificacións (unha a pouca distancia augas abaixo da Ponte das Barxas, e outra á altura da Ponte de Paradela). O rego pequeno fórmase a partir da confluencia de varios regos que orixinan na aba occidental da Serra do Careón, nas proximidades da Pena Armada.  

Trátase dun curso fluvial moi accidentado, xa que discorre por zonas de monte, de relevo moi abrupto e con grandes afloramentos de rocha dura que ocasionaron a formación de meandros, cascadas e pozas na caída das mesmas. Pódese considerar un "rego de montaña" que se ve obrigado a salvar fortes desniveis, dificultados por unha xeoloxía de características impeditivas, que orixina a formación de accidentes naturais pola necesidade de evacuar augas, que son moi abundantes de maneira estacional.  

Augas abaixo do Pozo Negro atópase o pozo dos Castiñeiros situado moi preto da antiga planta eléctrica que subministraba de corrente á aldea de Paradela. Trátase dunha das derradeiras pozas naturais existentes antes de verter as augas no Furelos, pola súa marxe esquerda.  

Do Pozo Negro non se coñece a súa profundidade, que os veciños das aldeas da contorna narran que non é pouca. É unha poza na que debido ás augas escuras e á súa fondura non se lle da visto o seu leito.  

O pozo sitúase nunha paraxe de bosque autóctono de ribeira, e bordeado de ameneiros, aínda a pesar que se lle chama dos castiñeiros. Augas arriba do mesmo existe nunha zona moito máis abrupta e pechada pola maleza, outro pozo de meirandes dimensións, bastante máis fondo e de augas escuras denominado, non en van, o Pozo Negro, xa que as augas e a fondura impiden ver o seu leito. Pola contra o dos Castiñeiros conta con augas transparentes, cristalinas e quedas, semellando un espello na súa superficie."  


[Texto e fotografías da autoría de Cristina Vázquez e Xurxo Broz, do Museo Terra de Melide (A Coruña). Xuño de 2022]  


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: