Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Toponimia

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Micromitos 057: O Catabún

O interior do impresionante castelo natural chamado Faro de Budiño, no Porriño, a 400 metros de altitude, esconde unha sorpresa. Polos moitos restos casuais que aparecen na contorna dedúcese que aquela paraxe foi habitada no pasado, quizais xa en época romana e tamén despois. E ata puido haber alí algún tipo de fortaleza.

Entre aquela maxestosa penedía hai unha furna estreita. Ao entrar no interior podemos ver que garda o que queda do que foi no pasado unha rara pedra oscilante. Esta pedra, ao parecer, puido ser usada como badalo para emitir sinais ou comunicar situacións de perigo pero tamén se di que o son máis espectacular que o producía naturalmente cando, empurrada polos fortes ventos, se acaneaba de maneira que batía contra as paredes da cafurna como se fose unha campá pétrea. De aí o nome, onomatopeico seguramente.

Segundo testemuños orais a marabilla sonora rematou no s. XVII cando algúns veciños, vese que cansos daquela música, solicitaron e conseguiron que mutilaran a rocha.

Mágoa! Hoxe sería un dos grandes atractivos naturais da comarca.

SerieMicromitos Publicación: Nós Diario, 18 de novembro de 2020.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: