Toponimia
CATEGORÍAS RELACIONADAS
O Tangaraño de Barbadás
No Monte de San Bieito da Cova do Lobo, en San Lourenzo de Piñor, concello de Barbadás (Ourense) hai un penedo denominado O Tangaraño, Penedo Vigón e tamén O Enganido, que serve como excepcional mirador sobre a cidade de Ourense, e é moi visitado durante a romería do San Bieito da Cova do Lobo por milleiros de peregrinos. Hai unha ermida a escasos centos de metros do Tangaraño. A igrexa, como sempre fixo, soubo aproveitar moi ben este enclave adxudicándolle os beneficios que podía aportar a milagres que facía o Noso Señor.
O Tangaraño é un xigantesco penedo, un típico bolo granítico de moitos metros de diámetro asentado enriba doutros penedos, de maneira que se pode pasar por debaixo del agachado. Dentro, nun curruncho hai unha poza que sempre, sexa verán ou inverno, está chea de auga.
Este lugar é, sen dúbida, un deses nos que a enerxía telúrica sae á luz, un lugar máxico, curativo, repoñedor. De sempre os habitantes dos arredores adxudícanlle propiedades curativas, sobre todo para enfermidades da pel, en especial as verrugas, tumores, bocio, feridas e especialmente para o raquitismo dos nenos, enfermidade coñecida como tangaraño.
Aos nenos entangarañados teñen que pasalos tres mulleres polo burato da Pedra do Tangaraño ou Penedo Vigón, dicindo a que o pasa:
—Ei María, aí che vai o tangaraño.
E respondendo a seguinte:
—Devólvocho san e salvo.
Tamén se logra a curación facéndolle uns nós a unha xesta e pasando o neno por riba da poza de auga.
Logo visten ao neno con roupa nova, abandonando alí as que levaba postas.
Este penedo quixérono romper uns canteiros pero non houbo maneira, non entraban na pedra nin cuñeiros nin punteiros.
O nome de San Bieito da Cova do Lobo venlle da crenza de que o mesmo San Bieito andaba fuxindo de algo por aqueles montes e foise agachar nunha cova de lobo.
A romería principal celébrase o 11 de xullo, aínda que o día 21 de marzo ten lugar o chamado San Bieito do Inverno.
[Texto elaborado a partir da información facilitada por Jerónimo de Vicente de Vicente (Ourense) e pola recollida por Xoán Xosé Pérez Rodríguez de Godexás, de Piñor, Barbadás (Ourense, en xaneior de 1994]
____________________
VÉXASE
► San Bieito da Cova do Lobo
BIBLIOGRAFÍA
COMENTARIOS ENVIADOS