Toponimia
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 005: A Atlántida
A min contoumo Xosé Couñago e a el os vellos mariñeiros do lugar. A unhas dez millas do porto de Malpica hai uns farallóns que sobresaen do mar coa marea baixa. Os mariñeiros ao pasaren din que se ven muros e escaleiras, que serían restos das construcións dunha antiga illa no medio do océano. Sabemos, aínda que eles non o din ou non o saben, que se refiren á Atlántida, a gran illa lendaria que desapareceu baixo Atlántico.
Segundo o filósofo grego Platón, os seus habitantes, os atlantes, foron castigados pola súa soberbia e no que dura un día e unha noite foron deglutidos por un maremoto ou un volcán.
Antes de que a Atlántida desaparecese, os homes e mulleres bos e xenerosos que alí vivían puideron fuxir da hecatombe en barcas de pedra e con rumbo este chegaron á costa galega. Fundaron asentamentos e erixiron santuarios como os de santo André de Teixido, santa Comba de Covas, santo Hadrián de Malpica, a Virxe da Barca en Muxía... e moitos máis.
Semella a viaxe de retorno desde o Máis Alá (como as dos santos Amaro, Ero, Brandán...) ao lugar que hoxe ocupamos.
© Antonio Reigosa. Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 5 de setembro de 2020.
Locución audio: Rocío Romero Otero