Toponimia
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Pasando a Ponte dos Padriños (Calros Solla)
A ponte dos Padriños, sobre o regueiro da Lomba, comunica as aldeas de Vichocuntín e Limeres. Malia carecer de cruz, o nome evoca, ben seguro, o antigo rito higromántico do enxembramento, o bautismo practicado antes da concepción ou durante unha xestación de risco. Este ritual de fertilidade tamén escolle por escenarios a Pontapedre e a ponte de Santo Antonio, en Cerdedo. En maio de 1710, Sarmiento, aspirante a frade, atravesou a ponte dos Padriños, camiño a Madrid, para se despedir dos seus parentes das Raposeiras (Meilide).
No primeiro de Santos, déusenos por pasar aquela humildosa pontella (8 pés de largo) e, no anfraito da carballeira, un conxuro de néboa distraeu os nosos pasos. Viaxamos no tempo, recuamos décadas mal precisadas e acordamos en casa labrega, ao aconchego dunha lareira fumegante. No firmamento da cambota, un refoleo de faíscas verteu no café de pota o solimán dos contos esquecidos. Unha muller idosa e sabia tomou a palabra. Escoitemos.
O Varelo, home santo
“O Varelo de Limeres era un pobre de solemnidade, un home ghrande e esfarrapado que andaba sempre cun pau polo lughar adiante. Non debía ser moi católico da cabeza, porque, sendo nena, así que facía alghunha trasnada, meu pai berraba: “Ti es coma o Varelo! Ti es tola coma o Varelo!”; porén, din que o Varelo era unha alma boa.
O Vareliño andaba polas portas. Debía ser un pouco aluarado, mais non se metía con ninguén. Acochaba os rapaces entre as pernas e puña a vara por diante pra que ninguén lles peghase. Mediaba polos nenos. Defendía os nenos pra que ninguén lles fixese mal. Naquel tempo, non había dó polas criaturas.
De primeiras, o Varelo viviu nunha casiña vella, aínda deben quedar as paredes. Despois, cando aquel quinteiro quedou sen xente, o pobo fíxolle un cuartiño -uns 5m2-, todo de madeira e cunha ventaíña. El non tiña nada con que se valer e a xente leváballe a comida; leváballe filloas, un chourizo -o que había naquel tempo-, unha cunca de caldo...
Morreu o Varelo só no seu cuartiño. Cando xa non puido ir mendighar, o pobo levoulle de comer. Uns pauciños en cruz pousados ao pé da porta indicaban que che tocaba a ti atendelo.
Eu nacín no 44 e xa non o coñecín. Nós viñamos da escola -el xa non existía- e metiámonos no cuarto do Varelo, porque nos facía ghraza. O cuarto do Varelo hai tempo que se desfixo.
E aghora crese que o lughar de Limeres e mais o seu monte están libres do lume porque é o Varelo quen os ampara. Ao Varelo tamén se lle pide pra que o tempo veña como ten que vir.
Nós vivimos fóra, no estranxeiro. Hai 7 ou 8 anos, cando aquí arderon os montes, a miña casa estaba soa. Nós viamos por televisión como ardía todo, e eu rogheille: “Varelo, que non me arda a casiña, que che hei paghar unha misa!”. Ardeu Pedre, as costas de Pedre, Chamadoira, Caroi...; ardeu todo, pero Limeres librouse.
Cando cheghei, fun onda o cura e ofrecín unha misa polo Varelo. O cura non ma quixo cobrar. Non me quero acordar, o lume estaba na costa de Pedre, na costa dos Padriños, estaba alí por Deán... Ardía todo e nós lonxe, que nada podiamos facer.
A ponte dos Padriños cruza o reghato da Lomba. Pola ponte dos Padriños baixaba a xentiña de Limeres levar o leite a Vichocuntín. Por aquel camiño baixaban os defuntos nunha esqueira. Por alí subiron a meu pai que botara enfermo moito tempo no hospital, en Pontevedra. Trouxémolo en taxi até Vichocuntín. De alí, nunha esqueira deica a nosa casa, que non había outro camiño. Meu pai morreu ao día seghinte. Antes de morrer, as súas últimas palabras foron: “Laika!”; acórdome ben. Meu pai era cazador e tiña unha cadeliña que se chamaba Laika. Papá puxéralle Laika, como a cadela que viaxou ao espazo. Aquela cadeliña era tan bonita que, cando meu pai a trouxo, dixo: “Vaise chamar Laika, como a que foi á Lúa””.
E a nosa faladora, enfiou unha historia con outra.
O astrónomo de Limeres
“Nunha casa do Lagharto, que está no alto do lughar, había un centro de espiritismo. Tamén había outro nunha casa do Meixón, onde vivía unha xente que estivera no Brasil. Todas as semanas ou cada quince días, xuntábanse alí unhas persoas. Tiñan unha mesa redonda, púñanlle un mantel branco. Alí traballaban naquilo, dicían oracións; non sei ben o que facían.
Conviña non te cruzar con eles cando viñan da xuntanza. Nunha ocasión, sobre da noite, alguén bateu no camiño do Portarregheiro cunha destas persoas. O do espiritismo mandouno coa vista prá veigha e non se sabe o tempo que botou durmindo, pois perdera o coñecemento. Esas persoas tiraban a xente do camiño cando pasaban.
O que presidía aquelas sesións érache un home moi intelixente. Seica fora o enxeñeiro das pontes de Burgos. Este home non estivera nas Américas, pero era moi intelixente. Traballaba a terra, tamén era o carpinteiro que facía os carros, era quen compuña os muíños, era o reloxeiro que arranxaba todos os mecanismos de por aquí. Era un home que predicía as eclipses e os cometas. Cando estaban de ver, levábanos prá súa casa, de noite, e mostrábanos todos eses misterios. Viamos cometas, eclipses e unhas estrelas que, no verán, desfilaban polo ceo. Ese home sabía de todo. Con el aprendiamos moitas cousas: “Rapaces, xa veredes como alghún día haberemos voar coma os avións; hannos pór un aparello no peito e voaremos coma os avións”, dicíanos.
Érache moi entendido na aghricultura. Cando tocaba estrar nas veighas, recomendaba: “Mirade, onde estea o pé de diante da vaca, chamades o carro; onde estea o pé da vaca, botades outro monte de esterco; non o botedes todo xunto”. Tamén: “Xa vos direi o día para sementar as coles, que as hai que sementar na lúa vella, senón esghrelan”. E tamén: “Corta os fentos na lúa vella de aghosto, que vas ver que cando os cortes tres veces seghidas, non hai máis fento”. Sabía de todo.
Este home tiña os libros que servían pró espiritismo. Dous libros e mais unha cruz. Tiña os libros pechados nunha pateira. Prohibíralles aos da casa remexer alí. Dicía que, se alguén abría os libros, podían ocorrer cousas moi ghraves. Houbo quen, así e todo, mirou nos libros, e perdeu o sentido. Eses libros non se podían tocar. Despois, aqueles libros ghardáronse nunha arca, nun faiado, e aínda están alí metidos, lonxe da vista da xente. Eran os libros que levaban para traballar toda a noite no espiritismo. Falaban cos defuntos, pero eles eran unhas persoas normais. Os libros non se tiraron, están ghardados. Eran uns libros neghros, bastante ghrandes. A cruz tamén era neghra. Disque, en Chamadoira, nunha parede, esconderon outros dous libros e mais unha pistola.
Érache un home moi apreciado no lughar, porque sabía moitas cousas e era moi bo veciño. El coñecía oito días antes, ou quince, que ía vir unha eclipse. Era un astrónomo.
Aquí hóuboche moitas historias. Eu fun ao San Bernabé baixar o santo ao regheiro. Mollabámoslle os pés ao santo e botabámoslle augha pola cabeza abaixo cun caldeiro, pra que chovese.
Todos os rapaces de Limeres e mais os de Chamadoira levabamos pan rebozado en ovo ao San Bernabé. Iamos na compaña dunhas mulleres. Alí o comiamos, sentados arredor dos carballos, e despois, puñámonos de costas á capela e tirabamos por riba da cabeza o pan que nos sobrara -nunca sobraba moito- e cumpría que caese no tellado. Xa non sei pra que era o ritual. Aquelas mulleres facían a ceremonia canda nós. Eran unhas mulleres moi beatas.
Lembro unha señora do Carballiño que trouxo onda o santo unha neniña que disque era muda, e marchou do San Bernabé falando. Aínda parece que estou vendo a neniña. Levarlle os rapaces ao san Bernabé cando teñen alghunha enfermidade ou alghún problema é costume vello. Din que san Bernabé é o santo dos rapaces...”
Tras a conversa, que deu para máis, tornei a Pontevedra sumido en fondas cavilacións. Ao chegar ao alto da Abeleira, tiven a sensación de que naquel punto quilométrico rexe unha porta dimensional que deslinda o soño da realidade.
© Calros Solla
Artigo publicado anteriormente en Faro de Vigo (19.11.2014) e no blog O Embigo do Becho