Toponimia
CATEGORÍAS RELACIONADAS
O Demo en Gatín
EN GALICIA, coma noutras partes do mundo, hai varias obras civís e relixiosas atribuidas ao Demo. Segundo V. Risco, ata os frades de Samos lendo no Ciprianillo forzaron o Demo a carrexarlles a pedra polas noites para erguer o mosteiro. Estas obras sempre son consecuencia dun “pauto” ou contrato entre Lucifer e unha ou varias persoas que lle ofrecen a alma a cambio da obra. En honor á parte humana contratante hai que dicir que o Demo, cando vai cobrar unha vez inaugurada a obra, soe quedar co rabo entre as pernas.
Onde o Demo amosa a súa máxima pericia é na construcción de pontes, pois nunha soa noite, entre as doce e o primeiro canto do galo, comeza e remata o encargo. Que nos dera tanta dilixencia no ministerio do ramo!
NAS PONTES DE GATÍN, en Liber (Becerreá), no bico dos Ancares, hai unha fermosa ponte de feitío medieval sobre o río Navia. Segundo as diferentes versións lendarias, a ponte foi feita polo Demo, contratado e logo enganado, recibindo en pago, en vez dunha alma humana, un gato ou “gatín”, segundo a forma dialectal, que deu nome ao lugar. Eís a orixe do topónimo.
HABÍA UN MOZO (seguimos a versión de F. López para GE] que tiña que cruzar o río todos os días nunha embarcación para ir ver a súa moza e despois cruzalo outra vez para regresar á casa. E así durante todo o inverno. Un día de moita enchente, cando o mozo ía remando polo río, apareceu na barca o diaño e díxolle:
—Eu podería facerche unha ponte nunha soa noite. Non terías que pasar máis traballos para cruzar o río e a cambio só terías que darme o primeiro ser vivo que naza na casa despois da túa voda.
O mozo acabou aceptando e á mañá seguinte apareceu feita a ponte que ainda hoxe sigue en pé. Os mozos casaron, foron felices e nunca máis do Demo se acordaron ata que a moza quedou embarazada.
¡Que disgusto había naquela casa! Pero como o Demo fai e Deus desfai, sucedeu que entón naceu na casa unha camada de gatos. O home meteu un nun saco e foino levar ó medio da ponte, onde xa estaba o Demo agardando.
—Veño cumprir o pauto —díxolle o mozo—. Aquí che traio o primeiro ser vivo que naceu na miña casa.
Abriu o saco e saiu del un "gatín" que ó ver o feo que era o Demo, escapou a todo correr.
CONTAN QUE NOS TEMPOS (seguimos a versión de José Mª Carricoba para GE) nos que había que facer arranxos na ponte, caía de vella, apareceu polo lugar o Demo propoñendo que el faría a ponte nunha noite coa condición de que ao rematar o seu traballo lle entregasen a primeira cousa que atravesase a ponte á mañá seguinte. Xuntáronse os veciños co cura e acordaron co Demo, a reconstrución da ponte. Cando empezaba a clarexar, e os galos empezaban a cantar, xa o Demo estaba rematando a faena:
—Canta o galo!
—Que galo?
—O branco
—Dálle ao canto!
—Canta o galo!
—Que galo?
—O pinto
—Dálle ao pico!
—Canta o galo!
—Que galo?
—O negro
—Pico quedo!
Xa de mañanciña o Demo agardaba o seu pago, pois pensaba que quen pasaría pola mañá de primeiro pola ponte ía ser unha rapaza que estaba preñada, pero... como os veciños tamén eran sabedores, no canto da rapaza botaron un gato negro. De aí o nome do lugar: Pontes de Gatín.
O ACUEDUCTO DE SEGOVIA, a Ponte de Segovia de Madrid, a de Castrejana en Biscaia (onde se repite a fórmula dos tres galos de cores diferentes), a de Pontedeume ou a de Ponte Pedriña, somerxida baixo o encoro das Conchas, en Bande, son obra do Demo. Un tema narrativo antigo e universal que se corresponde co tipo 756B do catálogo internacional de contos. As nosas tradicións son elos dunha cadea que nos xongue con outras tradicións irmás, ás veces remotas pero complementarias no vasto patrimonio que chamamos cultura universal.
_____
©Antonio Reigosa. Publicado en El Progreso o 24 e o 31 de xaneiro de 2010.