Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Toponimia

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A defensa de Lugo contra Almanzor

Defensa de Lugo (Modesto Brocos)


Hai unha fecunda tradición de anécdotas xenealóxico-heráldicas que pretenden dar explicacións máis ou menos convincentes sobre a orixe dalgunhas liñaxes. Sempre se repite o mesmo esquema; unha experiencia excepcional protagonizada por un devanceiro de sona quen, como consecuencia, adopta un alcume que soe convertirse en apelido. O escudo de armas soe representar a fazaña que se transmite aos herdeiros co apelido. As derivacións e interpretacións disparatadas resultan as máis das veces incribles.

ALMANZOR SITIA LUGO. Segundo a lenda, no mes de setembro do ano 997 (non hai un só documento que o acredite) Almanzor sitia Lugo. Pasa o tempo e a cidade non se rende pero Almanzor cre que a fame vai dobregar antes ou despois aos defensores. Sen embargo, alguén ideou unha estratexia que consiste en tirar desde o alto da muralla uns bolos de pan e un año (véxase a recreación do pintor Modesto Brocos). Almanzor cae no engano, cre que aínda lles queda moita comida, renuncia á toma da cidade e ordena levantar o asedio.

BOLAÑO E PALLARES. O apelido Bolaño tería a orixe nesta lenda, na suma dos sustantivos bolo+año, o que nos fai pensar que o personaxe da ocorrencia sería o devanceiro que dá orixe ao apelido. Dunha variante da lenda que di que o que tiraron, en vez de bolos de pan, foron espigas nacería o apelido e nome da casa de Pallares.

CARCASSONNA. A orixe do nome desta cidade amurallada do sur de Francia, fundada en época romana e Patrimonio da Humanidade desde 1997, explícase nunha lenda idéntica a dos apelidos lucenses, coa diferencia de que o sitiador é o cristián Carlomagno e os que resisten musulmáns. O bloqueo prodúcese no século VIII, dura cinco anos, tempo no que, pola morte do seu marido, exerce de xefa da resistencia unha muller chamada Carca.
Cando os víveres non dan para máis, Carca ordena coller todo o trigo e a cebada e darllo a comer ao único porco vivo que lles queda, e despois manda tirar o porco desde as murallas. Cando Carlomagno ve o porco rebentado co estómago cheo de grans cre que aínda lles quedan moitos máis e manda erguer o cerco da cidade. Carcas, namorada do sitiador, fai que soen as campás e Carlomagno escoita o recado: “Sire, dame Carcas sonne”, de onde derivaría o topónimo.
© Antonio Reigosa

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Eu coñezo esa historia, pero non falaban de PALLARES se non de CORREA, pois polo visto o bolo de pan atárono coa correa ó año e asi llo botaron ás tropas de Almanzor e de aí os apelidos BOLAÑO (BOLA-BOLO-AÑO) e o apelido CORREA pola correa de atar.

O de Pallares non me ancaixa tan ben, pois se botaron espigas, tería que ser espigueiro ou espigueiros (que ven de espiga) e non palleres (que ven de palla), pero en fin, nas tradiccións orais é o que pasa, polo tanto a túa apreciación é moi válida.

Enviado por Xesús do Breogán - Foz o 30/10/2011 ás 13:17:37


Enviar comentario a este artigo: