Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Astroloxía/
Meteoroloxía

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A moura da Tapada do Almestro

Xa hai moito tempo que andaba un mozo co gando pola Tapada do Almestro, en Sober (Lugo), cando viu saír dun penedo unha rapaza de cabelo louro que se dirixía cara o regato para coller auga cunha ola posta na cabeza.
Cando regresaba coa auga, a moza aquela dixo unhas palabras que fixeron que a pena onde aparecera se abrise e logo se pechase por encanto. O mozo quedou prendado daquela beleza pero tivo que agardar moitos días ata que a volveu a ver.
Foi entón cando a moza lle dixo:
-Levo moito tempo enfeitizada porque rexeitei as proposicións dun mago. Velaí o meu destino: metida na cova e rodeada de tanto ouro que non collería en tres cestas grandes das uvas. Só me podería librar desta fada se houbese alguén que fixese o que eu lle pedise.
Entón, o mozo, xa prendado da moza moura, púxose á súa disposición. E díxolle a moura:
-Atende ben. Cando a lúa chea se poña enriba do Monte do Espiño eu voume aparecer transformada en serpe. Farei moito ruído, e canto máis faga, máis ouro virá comigo. Para desfacer o encanto tes que cuspirme na cabeza. Se o fas, quedarei desencantada, poderei casar contigo e seremos felices.
E cando a lúa chea se puxo enriba do Monte do Espiño, saíu a serpe do penedo pero o runxido era tan forte que o rapaz, en vez de facer o que prometera, colleu medo, fuxiu e deixou todo.
Parece que cara o rego do Bao se escoitan os laios dunha muller e cando hai lúa chea por enriba do Monte do Espiño séntese o ruído que debeu sentir aquel mozo que fuxiu por medo en vez de facer o que lle prometera á moura.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Este artigo pareceme moi interesante. Porque pos nenos/as pode servirlles de moito.

Enviado por anonimo o 28/11/2011 ás 10:19:39


Enviar comentario a este artigo: