Astroloxía/
Meteoroloxía
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 088: Xaneiro
Xaneiro vén de Xano, deus romano con dous rostros; o de home vello mirando ao pasado e o de mozo, endelgando futuro.
O primeiro de ano é augural, propicio para facer prognósticos. En Portugal din «O que se faz o primeiro día do ano, faz-se todo o ano». No Courel cren que a primeira persoa coa que tropezamos condiciona a sorte do ano. En Franqueán, O Corgo, antes de nacer o sol primeiro afuman as dependencias da casa queimando loureiro verde bendicido e repetindo «Señor Soberano / entre lo bueno, salga lo malo! /Rebollón fóra!» Segundo aclara J. Luis Garrosa a palabra 'rebollón' pode ter relación co francés réveillon que alude ás ceas de Nadal e Aninovo. En Cervantes e noutros lugares acendíase o Lume Novo neste día; botábanlle flores e culleradas de manteiga en sinal de respecto.
En Figueirido, Vilaboa, —cóntao C. Solla— un trasno rebuldeiro entretense asubiándolle ao oído ao máis babeco do lugar e a vítima ten que aguantar o ano enteiro escoitando o asubío.
Na antiga Roma regalábanse moedas co anagrama A.N.F.F. (Annum novum faustum felicem). Pois iso lles desexo!
Serie: Micromitos
Publicación: Nós Diario, 2 de xaneiro de 2021.