Astroloxía/
Meteoroloxía
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Don Serafín, crego esconxurador
Don Serafín López del Río foi párroco de Santa Baia de Teilán, concello de Bóveda (Lugo). Era entendido en sacar espíritos do corpo e en facer rogativas para esconxurar o trono. As rogativas comezábaas o 15 de maio e seguían todos os domingos ata o 25 de xullo.
Son moitos os sucedidos que se contan do cura de Teilán.
O caso de Pura, unha muller que aínda vive en Bóveda, que cando era moza tomou un caramelo que lle meteu no corpo un espírito. De repente, enmudeceu e renegaba da igrexa e de todo o relacionado con ela, mesmo rexeitaba ao seu propio fillo e ao esposo. Nin catro homes podían con ela cando se enrabechaba. Deitábase coas botas postas e atadas, pois cría que así facíalle dano á persoa que lle dera o caramelo co espírito.
O cura de Teilán intentou sacarlle aquel espirito, ou demo, do corpo pero non foi capaz. Como non puido mandou que a levasen á Coruña, e alí curou e desde entón é unha persoa normal.
Outra vez houbo na Casa do Medio, en A Portaxe de Remesar, un rapaz chamado Arturo que tiña un demiño no corpo. O espírito falaba e aseguraba que quería saír do corpo do mozo pero que antes de facelo habíao de matar.
Levárono xunto de don Serafín e o crego púxose a esconxurar. Xusto no momento en que o demo saía para fóra do rapaz, atragantóuselle na gorxa e afogouno.
O rapaz morreu e don Serafín deixou de sacar espíritos do corpo da xente desde aquel día.
BIBLIOGRAFÍA