Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

A portada da capela de San Roque de Melide e o billete de 10 euros

Unha lenda das chamadas urbanas, modernas ou contemporáneas que se propagan cos ventos dos rumores interesados

***

Dende fai uns anos é cada vez máis habitual escoitar de boca dos peregrinos que percorren o Camiño Francés, e mesmo tamén mediante medios dixitais e televisivos que a portada da actual Capela de San Roque de Melide, edificada no ano 1949, con materiais procedentes da desaparecida igrexa parroquial de San Pedro (do século XIII) e tamén da vella Capela de San Roque (século XVIII) se corresponde coa que aparece no anverso do billete de 10 euros.

Esta portada melidá procede da antiga parroquial de San Pedro, desmantelada no ano 1948, e que contiña elementos do Románico Tardío e tamén do Gótico. Algúns destes elementos consérvanse fóra de contexto na actual Capela (sartegos do século XV, craves de arco e pezas de arcosolios funerarios). 

Debuxo de Xosé Manuel Broz Rei


O conto é que a alguén se lle deu por dicir que a portada representada no billete se correspondía con este exemplo destacado do patrimonio da vila, carecendo de toda clase de veracidade e rigor, posto que é sobradamente coñecido que cando xorden os billetes de euro aló polo ano 2002 o seu deseñador, o austríaco Robert Kalina, ilustrou cada un dos valores con portas, ventás e pontes que facían un percorrido pola evolución arquitectónica europea. Comezando polo mundo clásico nos billetes de 5 euros e rematando na arquitectura de vangarda do século XX no billete de 500 euros, representa nos valores intermedios os estilos Románico (10 euros), Gótico (20 euros), Renacemento (50 euros), Barroco e Rococó (100 euros) e o Modernismo (200 euros).

 Pero para "non quedar mal con ninguén" encargóuselle a Kalina, que plasmase unicamente arquetipos conceptuais e non arquitecturas reais ou existentes, para evitar debates de cales deberían ser os modelos escollidos. 
En base a iso, o billete de 10 euros non representa a portada da Capela de San Roque, e tampouco calquera outra, xa que non reproduce exemplos concretos. Ademais diso non son coincidentes os elementos formais nin os decorativos, unicamente coincidindo na proposta compositiva. Tamén cabe sinalar que a portada que ilustra o billete de 10 euros resposta á tendencias propias do século XII e non de finais do século XIII, que caracterizan a portada de Melide. 
O certo é que cada vez son máis, e máis, e máis, os peregrinos que veñen con esa idea, e que nin se convencen cando comparan o billete coa portada da capela; moitos só caen da burra cando se lles amosan as diferencias, moi evidentes por outra parte!

Pero tamén é verdade que dito fenómeno debe ser contaxioso e pandémico posto que hai moitos peregrinos que preguntan se a portada do billete de 10 euros é coa que se atopan en Melide ou doutras que foron vendo ao longo do Camiño (aludindo ás da igrexa do Salvador de Sarria ou a outras coas que se foron atopando).

Vese, pois, que ata se orixinou unha certa competitividade para ver quen é o "privilexiado" que pode presumir de contar con tal portada na súa localidade. A cuestión é que ninguén se pregunta cal é a ponte que figura no reverso deste billete, aínda que incluso houbo en Melide quen dixo que...

—Entón, será a Ponte de Furelos!

 Mais aínda que así fose habería que remexer nos demais billetes para irlle buscando un parecido minimamente razoable para adxudicarlle un símil. 
A difusión deste falso mito lonxe de minguar o que fai é ir incrementándose de maneira exponencial, debido tanto ao descoñecemento como a unha procurada intencionalidade que pode ir da man de estratexias mercantís ou de publicidade/promoción en diversos eidos.

Por tal motivo este fenómeno en clara expansión non ten visos de asentarse, senón que cada vez cobra máis forza e por iso somos plenamente coñecedores de que por moito que se compare o billete coa portada de Melide, ou por moito que se escriba desmentindo dita lenda urbana, nunca se conseguirá mitigala. É incrible o poder dunha falsa verdade, que cando se reitera e repite ata a saciedade, para a sociedade vai ter sempre visos de veracidade. 
O triste é que esta portada é un magnífico exemplo de modelo de Románico transitivo, con elementos protogóticos moi esmerados, ademais de contar con elementos que lle outorgan personalidade e singularidade, como é a rica decoración dos cimacios con elementos vexetais asimétricos e mesmo tamén representando unha escena fantástica de probable sentido moralizante, na que aparece a cabeza dun lobo, un dragón e unha figura humana. Tamén por non falar da decoración dunha das arquivoltas zigzagueante na que mesmo se chegaron a representar cunchas de vieira en relevo (debido á súa relación orixinal co Camiño de Santiago).

Esta rica e orixinal decoración serían xa de por si un reclamo "publicitario" que potenciarían a imaxe de Melide e tamén contribuirían á súa promoción. 
Resulta curioso que moitas veces non somos quen de ver e analizar cos ollos o que temos xusto diante dos fociños, e si que somos capaces de alimentarnos de quimeras xurdidas de a saber que intencionalidade (aínda que resulta doado saber o porqué foron difundidas!). 

Como conclusión só resta dicir que esta lenda urbana xerada hai poucos anos converteuse nun fenómeno viral propagado polas redes sociais, medios televisivos e tamén polo boca a boca, principalmente a través dos peregrinos que percorren o Camiño Francés, e por moito que queiramos desmentir esta incorrección e mesmo aberración, ninguén vai ser capaz de acabar co bulo.

[Texto remitido por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Febreiro de 2018]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: