Santiago e a peregrinaxe
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 007: O Graal do Cebreiro
A versión cristianizada do mito do Graal é posterior á súa invención literaria por Chrétien de Troyes en “Le Conte du Graal” (1180-1191). Robert de Boron conecta o Graal coa paixón ao identificalo coa copa na que Xosé de Arimatea recollera o sangue derramado polo Cristo crucificado. Trataríase do cáliz inicial, da santa reliquia primixenia.
Son moitos os lugares —uns douscentos ou máis— que se atribúen posuír o Graal auténtico. O do Cebreiro, o cáliz co que consagrou o crego incrédulo cando se produciu o milagre, é de prata sobredourada, datado, igual que a patena, no s. XII. As redomas onde se conserva a carne e o sangue son de finais do XV.
O asunto reprodúcese na chamada materia de Bretaña con Galahad como protagonista e no s. XIX popularízase coa ópera Parzival de Richard Wagner. Unha parte da acción sucede no castelo de Monsalvat, lugar que o músico alemán sitúa nas montañas setentrionais de España e onde os cabaleiros gardarían tan prezada reliquia.
É o cáliz do Cebreiro o verdadeiro Graal? O cáliz do escudo de Galicia representa o Graal?
Serie: Micromitos . Publicación: Nós Diario, 9 de setembro de 2020.
Locución audio: Rocío Romero Otero