Santiago e a peregrinaxe
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 006: O Milagre do Cebreiro
Como cada 8 de setembro celébrase o Milagre que disque sucedeu entre os ss. XIII-XIV na igrexa que coroa o Cebreiro, en Pedrafita, na antiga abadía e hospital para peregrinos fundado por Xiraldo de Aurillac.
Un día de inverno, o veciño de Barxamaior, Xoán Santín, sobe ata o Cebreiro co propósito de oír misa. O oficiante (relixioso con dúbidas de fe) cando o ve entrar no templo pensa que non merece a pena o esforzo daquel home, mais cando consagra, observa como a hostia se converte en carne e o viño que hai no cáliz ferve e faise sangue. Os corporais (pano que se estende sobre o altar) quedan ensanguentados e o sacerdote ao decatarse da súa falta de fe arrepíntese e morre instantáneo.
Os reis chamados Católicos, ao regreso da súa peregrinación a Compostela en 1486, doan o relicario coas redomas onde se conservan a presunta carne e o presunto viño.
O prodixio enmárcase nun ciclo arquetípico de milagres eucarísticos, unha vaga, orixe da celebración do Corpus, que se repite persistente na Europa católica dos ss. XIII e XIV.
Sobre o cáliz do Cebreiro e a súa relación co Graal comentaremos noutro momento.
© Antonio Reigosa. Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 8 de setembro de 2020.
Locución audio: Rocío Romero Otero