Santiago e a peregrinaxe
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Os alarbios
Relato I
Ían tres mulleres de Palmeira moi devotas en peregrinación a santo Andrés de Teixido. Desde Palmeira tiñan que ir andando e unha noite perdéronse no monte, ao ver luz nunha casota, pediron pousada. Abriulles a porta un mozo moi alto e forte que falaba moi mal, alí tamén estaba outro home que era o pai.
Dixéronlles que lles ían dar de comer, elas ao ver o pote ao lume preguntaron que estaban a cocer e o mozo dixo: “a cabeza de miña avoa”. As mulleres déronse conta de que estaban na casa dos alarbios e empezaron a tremer co medo, decidiron que tiñan que irse e eles que non, que a onde ían ir coa noite pecha. Entón dixeron que querían mexar e eles que mexaran ao lado da leña. Como elas insistían en ir a fóra, eles amarráronas a unha corda para que non se perderan, pero aínda así puideron fuxir e o mozo andaba a buscalas cunha luz na man e dicindo: “acudide ao candil, Mauxas, acudide ao candil”.
Relato II
Ían para Santiago unha tataravoa de Ángeles e unha tataravoa miña que eran curmáns e pedían pousada no camiño porque facían noite, que non lles daba tempo a chegar, facer as compras e facer todo no día.
As casiñas era solitarias. Déronlles pousada e na lareira tiñan un pote como un mundo e estaban todos alí a cocer, fervía a cachóns. Había un rapaz pequeno e viron algo raro e estaban asustadas. Durmían onda a lareira e entón preguntáronlle ao rapaz: “¿e que estades a facer na ola?”. E o rapaz dixo: “son as cachas de miña avoa, que a matamos onte”. E aí elas dixéronlles unhas ás outras, “¿e que será mellor saír de noite ou que nos maten e nos metan na ola?”.
Colleron os lotes e viñéronse de noite.
NOTA
Estes dous relatos, transcritos fielmente, foron recollidos en Palmeira no verán de 2013 por min. O primeiro foi contado por Mª del Carmen Blanco Triñanes, de 81 anos e o segundo por Carmen Seráns Romay de 51.Para nós a gran sorpresa foi o segundo relato, posto que o primeiro témolo escoitado, case sen variantes, en outras ocasións e a distintas persoas, mentres que o segundo introduce un lugar de destino diferente (Santiago de Compostela), aparece a figura dun meniño na casa dos alarbios e, por primeira vez, escoitamos a palabra “cachas” en lugar de “cabeza” e tampouco se fala de dificultades para fuxir da casa, senón que se preguntan se é mellor quedarse na casa co risco de morte ou saír aos perigos da noite.
O termo Alarbio foi usado por todos os informantes que nos referiron esta ou outra historia parecida, todos eles en Palmeira (Ribeira), e nas tres versións que temos documentadas. A voz alarbio, tamén a temos escoitado referíndose a unha persoa moi comellona, incluso a un neno que come moito. No percorrido cara o santuario de Teixido, cando se perden pasan por un lugar moi agreste, solitario, arredado de camiños e, curiosamente era unha toxeira, o cal nos indica que non había árbores preto, e nos remite á presenza do mal.
No conto, é de resaltar que en dúas das versións recollidas as protagonistas son as mesmas, mentres que na terceira, aínda sendo tamén persoas do pobo, non son as mesmas.
[Textos remitidos por Rosa B. Vizcaya, de Palmeira, Ribeira (A Coruña). Setembro de 2015. Unha recreación destes relatos foi publicada anteriormente no xornal “La Voz de Galicia” 18.12.2004 por Francisco A. Vidal]
COMENTARIOS ENVIADOS