Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Xeografía mítica

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A señora do castro de Marzá (II)

Hai anos, Xan de Formigo, veciño de Xuxilde, xastre remendón, casado, con catro fillos e nada sobrado de recursos económicos, viña unha noite cunha máquina de coser, das de manivela, debaixo do brazo, despois de traballar todo o día. O camiño era moito, a máquina pesaba, e ó chegar ao castro de Marzá, en Palas de Rei (Lugo), cerca da súa casa, puxo a máquina sobre un valo e sentouse para descansar un cacho e liar un cigarro, ó paso que cavilaba no seu triste destino, cando pola senda que baixaba do castro viu aparecer á Señora, quedando preso dunha fonda emoción. Ela preguntoulle:
—Ves canso, Xan?
—Si, Señora, veño moi canso.
A Señora, adiviñando a súa situación e compadecida del, díxolle:
—Non te amargues máis que eu axudareiche. Dende mañá vén todos os días a estas horas, que che hei de dar unha onza cada día que veñas pero non llo digas a ninguén.
Marchou o home contento e satisfeito e non pasaba día que non fora recoller o diñeiro que lle daba a caritativa muller.
Coa cotiá axuda é fácil imaxinar que, ao pouco tempo, a súa situación económica mellorara extraordinariamente, ante a sorpresa da súa dona que non comprendía a causa de dita mellora, atosigándoo día e noite para averigualo.
El, ante a promesa que lle fixera á Señora, resistiuse bastante tempo a confesarlle o seu segredo, pero un día non puido resistir máis e contoulle á súa muller todo o ocorrido, encargándolle que non llo contase aninguén.
Aquela noite volveu, coma sempre, xunto á señora e esta entregoulle a cantidade convida, pero antes de marchar díxolle:
—Ai, ho, toma este cinto que che fixen estes días e que che quedará ben.
O home marchou confiado, facendo moitos proxectos cando, de pronto, sentiu ganas de baixar as calzas, cometido que non pode facerse sen desabotoar o cinto e, apurando o paso ata encontrar o sitio axeitado detrás dun valo, sacou o cinto e botouno sobre unhas silvas incendiándose o cinturón, prendendo lume, primeiro nas silvas e, despois, nun toxal, declarándose un gran incendio en toda a parroquia.

[Recompilación e recreación de Anahí Ouro Blanco, alumna de 2º de E.S.O. do I.E.S. de Palas de Rei (Lugo), curso 2005-2006, para o traballo escolar “Recuperación da literatura oral do concello de Palas de Rei”, coordinado polo profesor Toño Núñez]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: