Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Xan de Candia

Na parroquia de Candia, concello de Abadín (Lugo), hai un profundo pozo no río (un pozo peago), escuro, tétrico, no que vive unha grande serpe que come todo o que cae dentro. Unha vez caeu nel unha vaca e, agás as tripas, o resto non se volveu ver.
Cóntase que nos tempos medievais, cando un bispo de Mondoñedo na compaña do seu séquito ía petando de porta en porta e cando lle abrían, tiraba o anel dentro da casa e dicía:
-¡Confiscado canto ten! ¿Como se chama?
O escribinte tomaba nota de donos e propiedades para que non se lle escapase cómaro nin carrilleira e pasase todo a engordar as posesións do bispado.
Así andou todos os lugares ata que chegou a Candia. Un tal Xan de Candia (tamén coñecido como Xan do Cristo ou Xacinto de Candia) saíulle ao camiño cunha fouce na man. A comitiva parou, o Xan botouse ao bispo e dun golpe seco segoulle o pescozo. Temeroso da xustiza, dirixiuse ao pozo que hoxe leva o seu nome, chimpouse nel e afogou. Nin as roupas se viron aboiar. A serpe enguliríao vestido e todo.
O bispo, moribundo, seique fixo testamento de urxencia e deixoulle todo o que levaban confiscado naquela zona a un seu criado, un tal Luaces de Labrada, o que explica a orixe do poderío que tiveron os Luaces por alí.
Parece que se ten intentado medir a fondura do pozo e houbo quen tirou metros de adibal cunha pedra de contrapeso na punta, pero nin así tocou fondo.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: