Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Xeografía mítica

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Cando Roldán pasou por Guitiriz

SE ROLDÁN tivese existido sería sobriño do emperador Carlomagno e un dos seus homes de confianza; un paladín, un dos Doce Pares. Viviría no século VIII, pasaría a súa curta vida loitando contra os mouros e acabaría morrendo na batalla de Roncesvalles un quince de agosto. Un poema épico, a Chanson de Roland, probablemente escrito no século XI convertiuno en mártir, santo e paradigma do cabaleiro cristián que combate ao inimigo relixioso. A literatura e a transmisión oral convertírono nun heroe popular; as súas fazañas, anída que o parezan, non son deste mundo. ROLDÁN EN GALICIA En Galicia, como en case toda Europa, a figura de Roldán popularízase ao abeiro da propaganda do cristianismo que nos relata as fazañas bélicas contra os mouros islamistas e tamén, todo se mestura, contra os seres míticos chamados mouros e mouras, unha representación imaxinaria dos antigos pagáns. Roldán acompaña a Santiago nas batallas, asolaga Malverde, a cidade afundida na lagoda do Carregal. Enámorase de tres mouras do lugar de Puxares, Quiroga, e fai que o río Xares mude o curso; mais elas autopetrifícanse en seixos brancos. Cando Roldán decide regresar, antes de pasar por Guitiriz, cruza Caínzos, en Aranga, e onde agora está a capela de San Vitorio deixa a pegada xigantesca do seu pé enterrada na pedra coma se esta fose de manteiga. PENA ROLDÁN No lugar de Reboira, parroquia d'Os Vilares, en Guitiriz, hai unha peneda enorme con tres grandes fendas lonxitudinais; unha delas provocou que un anaco da rocha se desprendese e quedase pousado no chan. A finais do século do XIX ou construíse ao lado da pena unha casa, actualmente propiedade de Agustín, Agustín de Roldán, e de Sara, a súa dona. A pena chámase Pena Roldán pois, segundo a lenda, cando Roldán regresaba de axudar ao apóstolo Santiago nas campañas contra os mouros pasou polo lugar e quixo deixar unha mostra do seu paso. Coa espada fíxolle as fendas á pena e aínda lle deixou riscada unha cruz na parte superior. Tamén se di que quen sube ao alto da rocha pode ver as pegadas das ferraduras do seu cabalo, e aínda hai quen ten a certeza de que dentro da pedra quedaron os audios da voz do propio Roldán, e poida que tamén o eco do trote do seu cabalo. Quen sabe!

© Galicia Encantada _____________________________

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: