Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Xeografía mítica

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A moura de Lombao

En Lombao, entre Alvite e Muradás, parroquia de Santa Mª de Beariz, concello de Beariz (Ourense) presentouse unha moura cunha manta chea de ouro e púxoa a asolear. Achegouse unha rapaza que estaba coas ovellas por alí e díxolle á moura:
—Ai, que tesoiras mási bonitas tes!
—Se as queres —repuxo a moura— tes que ir á casa e traerme o mellor pano que teña a túa nai. Despois dareichas, pero ten moito coidado de non llo dicir a ninguén.
Pero a rapaza, claro, en canto chegou á casa, díxolle así á nai:
—Mamá, vin unha moura asoleando unha manta chea de ouro e ten unhas tesoiras moi bonitas. E díxome que mas daba se lle levaba o mellor pano de vostede.
—Pois lévallo, miña filla—díxolle a nai.
Cando chegou co pano cabo da moura, esta, enrabechada, quíxolle cortar a lingua e picarlle os ollos coas tesoiras por terlle contado á nai o trato que fixeran.
Afortunadamente para a nena, a moura non conseguíu facerlle dano e desapareceu.
No mesmo lugar, un home viu unha moura, seguramente a mesma que se lle apareceu á nena, cunha tenda chea de ouro. E díxolle o home:
—Ai, canto ouro tes!
—Se o queres —díxolle a moura ao home— tes que traerme un xerro de leite, un cacho de pan e un ovo pra baterme na testa. Ti non teñas medo aínda que me sintas bruar coma unha serpe, logo espallareime que estou cargada de ouro, e despois caso contigo.
E o home levou o que lle pediu a moura: o xerro de leite, o cacho de pan e o ovo, mais non tivo valor para escacharllo á moura na fronte.
O home colle medo e escapa. Disque se foi enterrar á Burata cabo dunha trabe de alcatrán.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: