Sabeliña e a moura do Nogueiral
Sabeliña era unha nena de Proendos, Sober (Lugo), que alindaba o seu gando no Nogueiral cando un día se lle presentou unha señora de cabelos loiros que lle pediu de favor que a peitease.
A nena peiteouna e a señora en agradecemento meteulle algo no mandil, e logo díxolle que non o mirase ata chegar á casa.
Pero Sabeliña non agardou; cando lle pareceu abriu o mandil e o que viu non foi outra cousa ca carbóns.
Cando chegou á casa disposta a contarlle a súa nai o que lle pasara, sacudiu o mandil e viu que quedaba un anaco do que lle dera a señora, pero o que antes era carbón agora brillaba coma ouro. Era un pedra de ouro. Volveu ao Nogueiral a todo correr pero a moura non a recibiu ben, prendeuna por un dedo dun pé e levouna canda ela ao seu mundo soterrado. Alí dentro meteuna nunha caldeira de aceite fervendo.
Como a nena desapareceu, os pais, familiares e veciños comezaron a buscala. Cando chegaron ao Nogueiral berraron por ela:
—¡Sabeliña, Sabeliña!
Rrespondeulles a voz da señora:
—¡Sabeliña, Sabelón,
derretida en aceitón!
¡Sabeliña morta é
por unha deda do pé!
BIBLIOGRAFÍA