A Dama do castro de Gundivós
Isto pasou en Gundivós, concello de Sober (Lugo).
Un mozo de Canaval cando andaba rozando estrume polo monte, hai quen asegura que se chamaba Martiño, escoitou a voz dunha muller que lle preguntou se estaba disposto a facerlle un favor. O rapaz dixo que si e a muller indicoulle que o seguise ata unhas grandes penedos que gardaban a entrada dunha cova. Postos alí, a muller díxolle que volvese ao cabo de dous días cun carneiro morto e esfolado, que trouguese unha gadaña e que, se facía o que ela lle mandaba, habíalle ser de moito proveito.
Pasaron os dous días e Martiño presentouse na boca da cova. Ao chegar tivéronlle o paso dous cans enormes pero Martiño, que xa estaba avisado pola muller, botoulles no bico o carneiro e coa gadaña, mentres eles moulaban, segoulles o pescozo. Despois, como lle recomendara a muller, entrou na cova cunha tea acesa e coa gadaña.
¡O que alí viu! Luces e relampos de todas as cores, e tamén viu a mesma muller que vira dous días antes, agora enxoiada con cadeas, aneis, colares, pedras e afeites de ouro. A muller indicoulle ao mozo que a seguise, e el obedeceu, e botáronse fóra da cova. No interior sentíuse un enorme estourido e ao virárense para saber que pasara, viron como unhas rochas enormes tapoaban a entrada da cova. De boa se libraran.
Despois dirixíronse á casa de Martiño e contáronlle a aventura a toda a familia.
Xa estaban namorados así que casaron e foron felices, e, co ouro que traía a moza canda ela, viviron moitos anos moi felices. Aquela muller era unha gran dama, e ademais de moi fermosa era moi rica.
BIBLIOGRAFÍA