Xeografía mítica
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Libunca, no castro de Ancos
O castro de Ancos está no Monte de Ancos, parroquia de Santa María de Neda, concello de Neda (A Coruña).
Lugar de mouros e posible ubicación dunha antiga cidade denominada Libunca da que hai abondosas referencias pero ningunha certeza en canto á súa ubicación neste ou noutro lugar. Todo o Monte de Ancos está oco e cheo de auga; se un día rebenta, Neda desaparecerá.
Ao lado do castro de Ancos está a Fonte da Aureana, tamén chamada Fonte de Laureana ou Manantial de Laureana; desta auga facíanse gasosas e nos envases dicía: “Aguas de la Basana, del manantial de Laureana”.
A explicación á orixe do nome desta fonte, onde se aparece na noite de San Xoán, se hai lúa chea, unha galiña con pitos de ouro, está na seguinte lenda:
Hai moitos anos había un home que tiña tres fillas: Laureana, Aureana e Ana. Cando o pai das tres irmás quedou viúvo volveu casar cunha muller mala que trataba moi mal ás fillastras. Tal mal as atendía que unha vez transformounas en queixos e ata lle cortou un anaco a un deles. Naquel momento un raio certeiro fendeu unha árbore que había cabo da casa, e das raíces gurgullaron tres cabalos.
Dous dos cabalos fuxiron pero o terceiro, era coxo, non puido; os cabalos eran as fillas do home que a malvada madrastra convertira en queixos e o terceiro correspondía co queixo cortado, ou sexa era a irmá maior chamada Laureana.
O cabalo coxo convertiuse en fonte e nesa fonte é onde se aparece a galiña con pitos de ouro que na noite de San Xoán, se hai lúa chea, sae e dá unha volta arredor da fonte para logo volve ao seu lugar entre as augas.
Esta é a razón pola que se coñece este manancial como Fonte de Laureana.
BIBLIOGRAFÍA