Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

A Campa do Fieiró

A Campa do Fieiró está situada na Serra dos Ancares, concello de Cervantes (Lugo).
Un home de Degrada, dunha casa coñecida, foi a Castela. Daquela ían moito ás segas...
Ó chegar a Valladolid sentiu a unha rapaciña que estaba nun balcón lendo nas lendas do Fieiró de Arriba. O home quedou escoitando e dixo:
—¡Pero se iso é do noso pobo!
A rapaciña ía dicindo:
—... na primeira uceira, na que dea o sol a mañá do día do San Xoán, hai debaixo unha arca chea de ouro.
O home xa non foi para as segas. Díxolles ós outros:
—¡Eu non me encontro ben! ¡Vou volver para a casa!.
E volveu porque antes críase máis nestas cousas. Téñense encontrado moitas cousas...porque esto é verdade. Aquí non hai conto. Esto foi realidade porque a proba está na campa; o que non están son as moedas.
Ben... Deu a volta e viña pensando na riqueza que lle estaba esperando.
A véspera do San Xoán chamou a un veciño e díxolle:
—¡Ai, ho, tes que vir comigo ata as brañas que teño que ir buscar unhas reses que me faltan. Non viñeron e para ir so, teño algo de medo, porque xa sabes que hai moitos lobos e por aí arriba éche o corredor deles.
E foron e pasaron a noite por aí arriba por se vían algo. El xa sabía que non ían atopar nada porque tiña todo o gando na casa pero ó amigo non lle constaba tal cousa.
Cando foi día mandou ó amigo para a casa e díxolle:
—¡Vaite para a casa que agora xa me amaño eu so. ¡Xa mirarei por aí! ¡ Quen sabe para onde marcharon!.
Así que quedou só, foi ó Fieiró de Arriba e cando saíu o sol fixouse na uceira onde daba primeiro o sol e despois marchou para a casa.
Para o día seguinte levou un pico e empezou a descubrir a uceira, quitouna e debaixo había unha tapa que cubría a arca que estaba chea de ouro.
En veces foi baixando o tesouro para a súa casa e botouno nun baúl deses antigos que tiña por pechadura un atume cun viorto de aceiro.
Este home tiña un sobriño que era rapaz novo e que cando lle parecía íalle sacando do baúl o que lle facía falta. Ata que ó pasar unha temporadiña o tío foi mirar e notou coma se andaran os ratos, e dixo:
—Aquí andou o sobrín. ¡Debeu se-lo sobrín!
Porque os outros que vivían na casa eran todos irmáns e eran do seu tempo.
—Levou algo, teño que ter cuidado—pensou , e díxolle ós outros irmáns— ¡Parece que me anda o sobrín no neal porque encontrei alí algo de falta!
—¿E canto che levou logo?
—¡E eu que sei que levou!
—¡Pois se non o sabes tampouco tes que ter pena! ¡Cando non o sabes é que moito non afondaría!
Outro día ía á leña de cocer ...
Un veciño estivera arando no barbeito que hai arriba da estrada da Campa da Braña e encontrara un penedo amarelo, redondo, da forma dun calabazón e tirouno para unha finca que estaba máis para abaixo e que era de outro. Este cando o viu tirouno para máis abaixo.
Ó pasar por alí o dono do tesouro e ver aquel penedo amarelo deulle coa cota da fouce e escachouno: ¡Todo cheo de moedas! Colleunas e meteunas coas outras.
De alí a unha temporada grande, queima a casa e ardeulle todo.
Despois déranlle algo pola borra, pero pouco foi se cadra aínda ía algunha moeda coa cinza...
¡Sorte con desfortuna! ¡ Alegría con tristura!

[Texto remitido por José María Carricoba Armesto, Lugo]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: