Micromitos 111: Alcaparra dos Ancares
Segundo o libro IV do Liber Sancti Iacobi incluído no Codex Calistinus, entre os nomes das cidades maldicidas por Carlomagno —fíxoas desaparecer por asolagamento—están Lucerna, Ventosa, Adenia e Capparia. Imos coa historia dunha Capparia chamada agora Alcaparra, a que nos contou Xosé Mª Carricoba e a el a señora María, da Casa Naipes de Donís.
Na serra dos Ancares existía unha cidade con este nome onde vivía un matrimonio rico cunha filla á que pretendían dous mozos; un de boa familia e outro pobre.
A nai quería que a filla casase co rico pero á filla gustáballe o outro. Entón o pai da moza propuxo que os pretendentes competisen e o que antes rematase de escavar a presa para conducir auga desde o pozo Ferreira, na ladeira do Cuíña, á cidade de Alcaparra casaría coa filla. Aínda hoxe se ven dúas canles paralelas que van desde o pozo Ferreira até onde estaba Alcaparra.
Imaxinen quen gañou! A nai non aceptou o pobre como xenro e opúxose ao casorio, e tal perrencha colleu que xerou unha tormenta enorme que afogou para sempre Alcaparra.
Mañá contamos doutra Capparia!
Serie: Micromitos
Publicación: Nós Diario, 4 de febreiro de 2021.