Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos 105:Pau da Vella

O Pau da Vella ou a Cruz de Pau da Vella está na Serra do Buio, nos lindes entre os concellos do Valadouro, Cervo, Xove e Viveiro. Din que antes se xuntaban alí as bruxas para o reparto das moscas e tamén os curas das parroquias de arredor.

O esteo mide un metro e cinco centímetros de altura. Castelao debuxouno e dixo que era unha estela antropomorfa. Disque se chama así porque houbo quen viu por aquel lugar unha muller vella, que se apoiaba nun pau e que choraba, e que foi a que tivo a ocorrencia de poñer alí un marco divisorio.

Son varios os relatos lendarios e moitas as hipóteses arredor deste monumento, todas posibles e ningunha, polo de agora, concluínte.

Hai quen considera que puido haber alí un altar dedicado aos lares viarios, deuses dos camiños en época romana, e que, como sucedeu noutros casos, fose adoptado, mesmo modificado, polo cristianismo.

A mención da Vella, clara reminiscencia dunha antiga divindade, e a do pau, marco nunha divisoria que se cita nalgunhas cartografías de situación, concédenlle ao esteo que debuxou Castelao un halo máxico singular.


SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 27 de xaneiro de 2021.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: