Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Xeografía mítica

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Micromitos 104: Reiriz

Co nome de Reirís ou Reiriz hai dous lugares asolagados en Galiza. Un está a carón da cova da Furada dos Cas, no Monte da Trindade de Vilamor, nos lindes entre os concellos de Mondoñedo e Lourenzá. Esta cova comunícase por túnel soterrado co mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá.

J. Villaamil dá noticia da existencia neste lugar  da «Gran cidade de Reiriz» que estaría situada no monte Serrapio —Sarrapio ou Serapio— e que desaparecería afundida rapidamente por un máxico. O topónimo Serrapio, quizais prerromano, fai referencia á posible existencia no lugar dun manancial.

A outra —tamén se lle chama Malverde, Valverde, Bretal— está na lagoa do Carregal, en Ribeira. Un rei mouro pretendía a filla do rei de Reirís pero ela rexeitouno. O mouro, por vingarse, provocou un cataclismo que asolagou a cidade. El quedou convertido en  Boi Bruón e a princesa sobreviviu transmutada en serea. Aínda pode escoitarse a súa voz de cando en vez.

Reiriz e Reirís, nomes de orixe xermánica, evocan o da cidade de Ker-Ys, somerxida na baía de Doouarnenez, na Bretaña francesa.


SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 26 de xaneiro de 2021.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: