Micromitos 101: As mouras antropófagas
Son bastante frecuentes os relatos lendarios nos que as mouras matan e comen carne humana. Teñen preferencia pola dos nenos ou nenas que entran en tratos con elas e non gardan o correspondente segredo. Isto sucedeu en Covelas, Os Blancos, e cóntao A. Vázquez-Monxardín (B. Aurienxe, XXIV).
Nos penedos do Treboal vivían unhas mouras que un día chamaron a unha moza de nome María que andaba por alí co gando e dixéronlle que lle daban unha cesta con fabas e que, se non llo contaba a ninguén, todas as fabas se converterían en ouro. En caso contrario, de revelar o segredo, mataríana!
A moza colleu as fabas, levounas para a casa e tratou de escondelas pero viuna a nai e aínda que se resistiu canto puido, cando a nai lle ofreceu unha malleira se non lle dicía quen llas dera, acabou por contarlle os detalles.
Cando a moza volveu ao monte ao día seguinte, as mouras chamárona e matárona. E cando a nai foi tras dela para ver que lle pasara, berrou por ela: María! María! Ao que unha daquelas mouras respondeu: Mariquiña, maricola, con aceite e allo, metida na barrigola!
Serie: Micromitos
Publicación: Nós Diario, 21 de xaneiro de 2021.