O Pozo da Troita
Contan que hai moitos anos en Francos, concello de Guntín, había un pozo cunha troita a carón do río Miño e que por iso se lle chamaba o Pozo da Troita.
A troita subía todas as semanas á aldea e se tiña fame comía un home. Ninguén se achegaba ao río onde estaba a troita. Dicían que convertía a xente en porcos fracos e que despois os comía.
Os mércores a troita subía xunta o ferreiro para que a rascase no lombo porque o tiña cheo de grans e pagáballe cun saco de moedas de ouro. Pero un día o home máis valente do lugar foi alí e baleiroulle unha garrafa de ácido fórmico polo lombo cando a troita estaba en cas do ferreiro. Cando volveu ao seu pozo e se meteu na auga, queimóuselle a pel e o estómago.
Aínda temen que algún día saia do pozo e que coma a todos os veciños.
Esta sorprendente lenda foi recollida en Francos-Lousada e publicada na revista escolar Miuzallas, que edita o Colectivo Estiño, en 1999. Reprodúcena en Facéndolle ás beiras ó Miño 2004: p. 26 e en Duro 2009: p. 41.
BIBLIOGRAFÍA