Actualizado en data 12/08/2022

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Xeografía mítica

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Micromitos 094: Coscobello vente ao cesto!

Biosbardos, bizbardos, cocerellos, coscobellos, gambusinos, gamburrinos, gazafellos, gozofellos, panchos, pigarzos... son seres imaxinarios que poden tomar figura de paxaros, peixes ou criaturas indefinidas, dependendo do medio e do lugar. Hai expresión como «seica andas aos biosbardos» que se din de quen apampa ou se aparva, pero, en xeral, invócanse para convencer ao novel de que pode cazalos, sempre de noite, seguindo uns sinxelos consellos.

Pódense atopar nos camiños estreitos e afastados onde non se oia canto de galo nin can ladrar. Hai que levar saco de boca ancha, abrilo e invocalos: «Biosbardo, vén ó fardo, que alpabarda por ti agarda».

Por Melide din que son peixes e chámanlles gozofellos, e polo Corgo, segundo X. M. Castro, atenden por coscobellos. Para pillalos hai que levar albarda de burro e cabezada, a pa do forno e un cesto de dúas tapas. O incauto ten que meterse descalzo no río, dar golpes coa pa na auga e dicir: «Coscobello, vente ó cesto, e bizbardo, vente ó fardo, Xan da albarda por ti agarda, aquí coa cabezada».

Ao cándido alpabarda chámanlle Coscobellán.


SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 12 de xaneiro de 2021.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: