Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Xeografía mítica

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O carballo do Aláparo

Poucas veces se repara no patrimonio inmaterial asociado a un ben patrimonial material ou natural para incluílo nos catálogos oficiais que deben garantir a súa preservación e protección. Agardamos que este sexa o caso do Carballo da Chá, que está en Vilachá de Salvadur, no concello da Pobra do Brollón, e para o que a Asociación de Veciños solicita a inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras. A razón non é, nesta ocasión, a súa antigüidade (apenas 200 anos), nin o seu porte, nin ningunha outra característica vencellada a santuarios ou ritos sociais senón que, como aseguran, debaixo desta árbore está soterrado o Aláparo.

Parabéns entusiastas aos promotores desta iniciativa que tanto celebramos e que agardamos que o órgano competente da Xunta considere e aprobe. De ser así, como desexamos, sentaría un extraordinario precedente que abriría a porta a acubillar baixo a protección pública milleiros de lugares con lenda como fontes, pozos, lagoas, rochas, covas e un longo etcétera no que serían moitas tamén as árbores a incluír.

Contan en Salvadur, segundo deduzo da nova dun xornal, que o Aláparo era un monstro cun só pé e un só ollo que se dedicaba a raptar (suponse que para comelas) mulleres e nenas da parroquia, e que vivía polas ribeiras do Sil, por onda o miradoiro da Capela. Un bo día, a veciñanza reuniuse e acordou capturar para matar ao malvado Aláparo para enterralo debaixo deste carballo. Como en Fuenteovejuna, ou no Grove cando lle deron a mesma medicina ao Meco, todos a unha.

No “Dicionario dos seres míticos galegos” cóntase que o Olláparo, ao que tamén se lle chama Alláparo e Aláparo é unha especie de cíclope, un ser xigante e antropófago, bruto, salvaxe e moi voraz que ten un ollo na fronte e que vive nas covas mías profundas de bosques e montañas. Por aí adiante chámanlle Patarico en Asturias, Ojanco ou Ojáncano en Cantabria, Jáncano por Extremadura... Hai unha raza deles que teñen dous ollos, un na fronte e outro na caluga, en semellanza a outros seres das mitoloxías populares europeas como o irlandés Balar. O ollo traseiro é perigoso pois provoca mal de ollo, polo que, como fixo Lug co de Balar e Ulises co de Polifemo, é mellor cegarllo canto antes. Tamén se conta das Olláparas que aínda son, se cadra, máis violentas que eles, e do Ollapín, que se lle di ao que ten un único ollo no couquizo. Teñen moito parecido cos Alarbios, tanto na súa condición de seres salvaxes como no da práctica da antropofaxia.

Tras estas breves notas que tan só perfilan o retrato deste ser mítico, unha evidente representación dos seres monstruosos, selváticos e caníbales aos que a humana xente debe domesticar ou dobregar, esta porta que tentan abrir os veciños de Salvadur é unha gran oportunidade para conservar, amais do propio Carballo da Chá, un imaxinario popular tradicional que se dilúe no esquecemento como lle sucedeu á vida do Aláparo nas súas mans. Mais, ollo! O que desapareceu foi a vida do monstro, non a memoria, que é o que intentan en Vilachá e oxalá consigan, e nós con eles, preservar.

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 16 de agosto de 2021.

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: