Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos 043: De lamanisco

O lamanisco, evanisco, levanisco, alamanisco ou alemanisco é unha tea máxica que protexe e activa os poderes dos amuletos máis prezados.

A saqueta das cousas boas, dos adobíos ou 'do maná', como lle din en Cerdedo, ten que ser desta tea. En 'O código da vincha' Calros Solla dinos que a saba furada que se “interpuña entre os casados no intre da consumación do acto sexual', o 'pano da pureza', tamén é de lamanisco.

As toallas coas que secan os nenos despois de lavalos para tirarlles o enganido —raquitismo— tamén. Tras a enxuga, póñense ao sol e cando están secas poden verse nelas os pelos do animal que causou o mal.

No Pindo, na Fonte de Baixo de Vilar de Olveira, hai un encanto que se aparece na mañanciña de S. Xoán en figura de galiña con pitos e que se desencanta con panos de lamanisco. Panos que se usan para curar asombrados e malos aires, e para conxurar o trebón postos na ventá cun pan enriba ou para cazar demachiños.

O lamanisco é un lenzo que imita a prezada seda coñecida como damasco coa que se facían manteis labrados á maneira de Alemaña; de aí o de alemanisco.

SerieMicromitos Publicación: Nós Diario, 29 de outubro de 2020.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: