Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Xeografía mítica

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Micromitos 033: O rei da Pena Lopesa

A Pena Lopesa está na beiramar, nun fermoso lugar que puido ser un castro, preto de Vilarquinte, no concello de Narón.

Cóntase que alí houbo un castelo no que vivía un rei que gardaba un gran tesouro. Cando o rei quería pasear tiña que saír da illa por unha ponte e botaba días polos arredores, cabalgando e cazando.

Alguén convenceu á veciñanza para matar o rei e así quedar co tesouro. Quixeron capturalo cando saía de paseo pero el, coa estratexia de virarlle as ferraduras ao cabalo, sempre os enganaba.

Entón sitiaron o castelo. Quixeron rendelo por sede e fame pero o rei tiña moito avío na despensa, resistiu aínda ben tempo ata un día que viu que só lle quedaba un pouco millo de reserva. Entón encheu un caldeiro, subiu ás murallas e pasou a mañá convidando os paxaros con presadas de gran.

A sorte estaba do seu lado. Cando ciscou o derradeiro gran, os que o sitiaban xa decidiran renderse crendo que o rei era un máxico poderoso e que nunca conseguirían vencelo.

O rei e o castelo xa non están pero a Pena Lopesa si, aínda maxestosa.

SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 15 de outubro de 2020.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: