Xeografía mítica
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 003: Ara Solis
Contemplar o deus sol somerxerse diariamente na liña do horizonte causou e causa fascinación. Para os antigos, a fusión do ceo coas augas significaba o encontro simbólico entre a vida e a morte, o porto de cruzamento entrambos estados. Na actualidade ver a posta de sol sigue sendo un espectáculo emocionante.
A Ara Solis, o altar dedicado ao sol do que fala Rufo Festo Avieno na Ora Marítima por boca de historiadores moito máis antigos, estaría situada no Monte Facho. O lugar axeitado para este monumento construído polos fenicios, polos caldeos ou polos gregos sería o que ocupa a ermida de san Guillerme de Fisterra. Os ritos que aínda se practican neste lugar, relacionados coa procura de fertilidade, confirmaríano. Ademais, aquí era onde realmente remataba o antigo camiño das estrelas, o actual Camiño de Santiago.
A construción foi descrita como un pequeno santuario de catro columnas, cuberto cunha cúpula. O lendario xerado arredor do apóstolo Santiago asegura que foi el persoalmente quen se ocupou de derrubar o altar pagán.
© Antonio Reigosa. Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 3 de setembro de 2020.
Locución audio: Rocío Romero Otero