Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Xeografía mítica

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A lenda da Cova da Serpe (Friol, Lugo)

©Versión en verso da autoría de Xesús Trashorras. Baseada no texto 'Lenda da Cova da Serpe' de don Vicente Devesa Jul publicado no xornal El Progreso o 6 de agosto de 1967.

A lenda da Cova da Serpe

Onde a vista alcanza lonxe,
nun outeiro que foi castro,
maxestosa Torre se ergue,
silueta altiva ao vento.

San Paio de Narla chamada
polas xentes da bisbarra.
Entre pedras, agochadas,
doutras épocas, memorias.

Aquí, vai xa moito tempo
habitaban uns señores.
Grande era o seu dominio,
de renome a súa orixe.

De cruel e desalmado
o fidalgo tiña sona,
cando alguén era chamado,
ventura, non lle agardaba.

Ou ben, fanegas de pan,
ou ben, outro vil trabuco,
o señor lle reclamaba
so ameaza de castigo.

Se o labrego se negaba
por sentencia tiña a morte.
Nun fondo pozo o guindaba,
sen que ninguén o soubese.

Estes señores da Torre
tiñan unha linda filla,
xeitosiña e moi prudente,
a quen chamaban Relinda.

Quixo o fado, unha mañá,
que estando a moza asomada
a unha xanela aberta,
garrido galán pasara.

A cazar se dirixía,
este fillo de labregos,
cando viu como Relinda
o miraba con contento.

Con gran donaire a saudou,
e tras longa lapexada,
citada con ela quedou
para vindeiras xornadas.

Chegou o asunto a tal punto,
que rapaza e mais labrego
perdidamente ficaron
namorados un do outro.

Mais a ledicia foi breve.
Sabedor o pai do caso,
saír ás fiestras vedoulle,
para non falar co mozo.

Ao poñerse mal a cousa
os efebos acordaron,
canto antes, darse á fuga,
en brava besta montados.

Unha mañá ben cediño
partiron os namorados
por congostras e camiños,
detrás deles os criados.

Polos termos de Ramelle,
de Roimil e de Anafreita,
cabalgaron a galope,
para a serra atravesar.

Escapar era o desexo,
terras ceibes de A Coruña,
mais na cima, sorprendidos,
o agocho, foi unha cova.

Fóra, na boca da gruta,
ficou mainiño o cabalo,
eles para se salvar
para dentro se meteron.

Mais ruín serpe os agardaba,
degolalos pretendeu,
senón fora unha faca,
que o rapaz ben empregou.

O destino que é traidor
quixo que o mozo morrera,
ao pé da bicha quedando,
a doncela desmaiada.

Chegados alí os criados
recolleron a rapaza,
que ao proxenitor levaron
sen recobrar a consciencia.

Cando lle volveu o sentido,
que trouxeran ao galán,
suplicoulle ao señor,
para na torre enterrar.

Facer así se ordenou,
e escasos días pasados,
a pobre coitada finou,
disque foi de sentimento.

O dono da fortaleza,
arrepentido e dorido,
mandou que enterrada fora
a carón do namorado.

Dende entón ao monte aquel,
onde a desgraza pasou,
Cova da Serpe, por nome,
a veciñanza o amentou.

Esta é unha das versións
que se contan desta lenda,
mais se pasas por Friol,
outras, talvez oirás.

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: