Xeografía mítica
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Os nomes da terra
Se vou, como fago de cando en cando, desde a casa onde nacín ata a Castro de Zoñán, apenas un quilómetro de distancia, teño que elaborar un mapa mental e rotulalo cunha morea de nomes propios que identifican a contorna do camiño que teño que pisar. Saio da casa de Ambrosio, de Carreiras ou a do Caminero, que está cabo doutras (de Xan do Campo, de Cabanas, de Patricio) no lugariño do Campo, un dos once núcleos que conforman (a maioría deshabitados) Zoñán. E sigo a orde pola que van aparecendo a dereita e esquerda leiras, prados, sebes, valados... e digo Sucampo, O Carballiño, O Camichao, A Cova, A Areosa, A Zarralla, As Cárcuas (as largas e as curtas), As Valiñas, O Couteiro, A Antigua, O Castro de Riba, A Costa Vella, O Carballo do Rego para, unha vez que cruzo o rego que se apelida como a aldea, e que corre cara as casas de San Cristovo, chegar á Croa que é como se chama de seu a coroa do castro que quero visitar.
Se fixese a viaxe por outro camiño os nomes serían diferentes, e se andase todos os camiños do meu territorio da infancia xuntaría centos, pode que miles destes nomes e con eles rememoraría outros de propietarios, usos, orografía, arboredo ... Canta riqueza a pesar de que esquezo os nomes propios particulares que se lles asignan a algunhas das parcelas por razóns de tipo familiar, de herdanza, de compra ou por outro motivo.Estes son os nomes da miña terra que é, coma todas, unha sucesión ininterrompida de microtopónimos.
Hai máis de 40 anos publicouse na colección O Moucho de Edicións Castrelos un libriño de Celso de Baión (Xosé Mª Álvarez Blázquez) con este título “Os nomes da terra”. Desde entón esta parte da onomástica que estuda os nomes de lugar avanzou ata o punto de que hoxe en día contamos con obras de mérito da autoría de consumados especialistas como o desaparecido Nicandro Ares, ou como Carlos Vázquez García, autor do monográfico “Toponimia do concello de Lugo”, de edición recente.
Na Xornada de Literatura de Tradición Oral, a celebrar en Lugo o 21 de outubro próximo, contaremos coa presenza doutro recoñecido especialista, Gonzalo Navaza, que nos vai falar dunha parte deses nomes. “Toponimia e lendas”, un corpus inmenso derivado da intensa humanización, cando non dunha auténtica sacralización do noso territorio.
Haberá, por tanto, ocasión para que relator e asistentes poñamos na palestra topónimos vinculados ao imaxinario como poden ser aquí na provincia de Lugo os de Ponte de Gatín, Triacastela, Pena Roldán, Alegrín, Salto do Can ... e tantos outros.
A lenda do Demo e o “gatín” que lle dá nome á ponte de Liber (Becerreá) é das máis coñecidas; a da orixe de Triacastela, “tira ca estela”, tamén. Se cadra non o son tanto a orixe de Pena Roldán, Os Vilares (Guitiriz), bautizado así por este heroe cando pasou en persoa por alí, ou a de Alegrín, areal de Suegos (O Vicedo), onde houbo vila agora asolagada por maldición divina.
En Saldanxe (A Pastoriza) hai un lugar que se chama Salto do Can. A nós díxonos Belén Chao, de Bretoña, que hai xa moito tempo houbo unha loita entre cans e lobos, e un dos cans deu un salto tan grande que saltou por enriba de todos os demais. Puidera ser! Por que non!
©Antonio Reigosa
Disto e doutros asuntos relacionados trata a X Xornada de Literatura de Tradición Oral que se vai celebrar en Lugo o 21 de outubro de 2017; o tema “Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes … con historia”. (+info)
Artigo publicado en "El Progreso" o 4 de outubro de 2017.