Xeografía mítica
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Os mouros na Terra de Melide II: A lenda da Ponte do río Furelos
Na Terra de Melide atribúeselle o pobo mítico dos mouros a edificación da maior parte dos nosos castros, pero tamén se lles fai responsables ou artífices de arquitecturas medievais, como poden ser a Torre dos Mouros (en Sobrado dos Monxes) ou mesmo a Ponte Vella de Furelos (Melide).
A Torre dos Mouros actualmente derruída, pero que conserva restos arqueolóxicos, viría a ser unha torre erguida nunha penedía e cuberta con tella, levantada probablemente para exercer o control e vixilancia dun antigo camiño de tránsito. Este topónimo tan suxestivo indica, sen lugar a dúbidas, a súa vinculación á man deses mouros tan consumados construtores.
A Ponte Vella de Furelos, moi coñecida, posto que sobre ela discorre o itinerario do Camiño Francés a Santiago (sendo por tanto moi fotografada por peregrinos e turistas), trátase dunha ponte medieval de catro arcos, erguida no século XII sobre o curso do río Furelos. Aparece documentada tanto no Tombo de Sobrado como no Códice Calixtino. A esta ponte medieval, tamén se lle chama inapropiadamente ponte romana e ponte románica.
A pesar de que se trata dunha ponte de inequívoca fábrica medieval, cavilouse que fora erguida en tempos dos romanos, de aí esa desatinada denominación como “ponte romana”, aínda que no imaxinario popular tamén caben asociacións ós mouros, como se pode deducir da “lenda da ponte do río Furelos”, extraída da páxina web www.rios-galegos.com e que transcribimos a continuación respectando rigorosamente o contido orixinal da mesma (non citamos ó autor da recompilación, posto que na web non figura).
A lenda da Ponte do río Furelos
Os veciños do lugar necesitaban unha ponte, para pasar o río, como tantos outros en Galicia. Pero por unhas cousas ou por outras non atopan a forma de facer a ponte.
Un bo día atoparon un mouro que se comprometeu a facer a ponte a cambio de moedas de ouro. O mouro fixo a ponte pero pensou en deixar unha pedra mal asentada de modo que co tempo a ponte comezara a tremer.
E así pasou, a ponte comezou a tremer e os veciños acudiron o mouro para que arranxara a ponte. O mouro díxolles que si pero que había que pagar o traballo con moedas de ouro. O mouro volveu a facer a mesma faena, arranxar a ponte pero deixar outra pedra de outro lugar da ponte media solta de modo que co paso do tempo volvera a pasar o mesmo e así seguiría o negocio.
Isto pasou varias veces ata que os veciños, xa mosqueados, decidiron vixiar os arranxos da ponte, ata que deron con engano e decidiron darlle un escarmento o mouro. Para elo, localizaron a pedra que estaba mal asentada, quentárona no lume e cando o moro foi arranxar a pedra estaba tan quente que lle queimou a man gravada na pedra a man do mouro.
Hai xente que di que inda hoxe en día se ve a pedra ca man gravada”.
Este texto tan ben narrado, da conta do carácter argalleiro e mesmo burleiro, ó que nos teñen acostumados os mouros do noso imaxinario.
Outro exemplo de vinculación entre mouros e edificacións de cronoloxía medieval atopámolo na veciña Comarca da Ulloa, referido neste caso nada menos que ó emblemático Castelo de Pambre (Palas de Rei).
Neste caso asistimos a unha edificación erguida por tres xeracións da linaxe dos Ulloa (iniciada a finais do século XIV, pero principalmente edificada ó longo do século XV), pero que no folclore popular da contorna se vincula ó pobo dos mouros, que segundo conta a tradición foi erguido polos mouros nunha soa noite. Tamén existen versións que sosteñen que ditos mouros ergueron o Castelo empregando pedra da muralla do Castro de Remonde, situado enfronte ó Castelo, na outra marxe do río Pambre.
Vemos como os mouros son capaces de realizar toda caste de proezas, sen contar, a priori, con demasiados medios técnicos, xa que tanto erguen pontes como edifican castelos nunha soa noite.
[Texto remitido por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Agosto de 2016]