Xeografía mítica
CATEGORÍAS RELACIONADAS
A Fonte Santa de Piñor (Melide)
Na aldea de Piñor, pertencente á parroquia de San Xoán de Furelos (concello de Melide, A Coruña) atópase a Fonte Santa de Piñor, a medio camiño entre a citada aldea e a de Reboredo, na parroquia de Vimianzo (concello de Santiso). Na actualidade a fonte presenta unha imaxe pouco tradicional, posto que foi completamente renovada en datas recentes.
As augas que manan da fonte son sulfurosas, das que cheiran a ovos podres, e acostumaban a beberse durante nove días no mes de setembro en xaxún, sendo consideradas medicinais para moitos males, especialmente do aparato dixestivo.
Pero o que imos a tratar neste texto é a lenda que acompaña á fonte e que foi recollida por Vicente Risco e Amador Rodríguez no Terra de Melide do ano 1933, no capítulo que leva por título “Folclore de Melide”.
Para non desvirtuar a narración procedemos a reproducila literalmente, no galego que se utilizaba por aquel entón, e que lle confire maior valor literario:
En Piñor, freguesía de Furelos, hai unha fonte dáugas minerás que chaman a Fonte Santa. Pois contan d´ela qu´estando unha vez uns homes da aldeia cavando en precura d´un tesouro, saiu un cabalo do fondo da terra que emprendeu co-iles á couces e deixounos mortos, e logo tragouno de novo a terra, cubríndose com´enantes a burata e non deixando sinal do feito. A relación das fontes cos cabalos é tamén común. D´elas saen cabalos soltos e tamén xentes d´acabalo. O qual ven da relación do cabalo co-as augas.
NOTA
Esta lenda asociada a esta fonte de augas con virtudes medicinais, é un exemplo máis de fontes santas e milagreiras da Terra de Melide, provistas cada unha delas de propiedades terapéuticas diferenciadas:
-Fonte Santa de Piñor (Melide), fonte da Martagona (Melide) e Fonte Santa de Belmil (Santiso) son fontes de augas sulfurosas, boas para o aparato dixestivo e demais doenzas.
-Fonte Santa dos Ánxeles (Melide) boa para os animais, para o campo, para mitigar pragas de vermes e para arredar as tronadas.
-Fonte Santa de As Pías (Sobrado dos Monxes), próxima ó Santuario de Santa Columba das Pías, que é moi milagreira para as dores de cabeza, de pes, da gorxa, da vista e para as afeccións da pel.
-Fonte de San Ramón de Grobas (Melide) que axuda a ter un bo parto, xa que está vinculada a San Ramón Nonato.
[Texto remitido por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Abril de 2015]
BIBLIOGRAFÍA