A cerva branca dos Ancares
Impresionante o castelo, situado na parroquia de Vilarello, concello de Cervantes (Lugo), no que que vivían os protagonistas desta lenda. O castelo, tamén coñecido como Castelo da Ponte de Doiras, Ferreira ou da Ferreiría, foi construído no século XV nun rochedo sobre o río Cancelada e a 700 metros de altitude que o facía practicamente inexpugnable.
A CERVA BRANCA. Nun tempo impreciso vivían neste castelo unha moza chamada Aldara, o seu irmán Egas e o pai de ambos, de nome Froiaz. Aldara e Aras, o fillo doutro cabaleiro dun castelo veciño, namoráronse e anunciaron casamento mais un día a moza desapareceu e por máis que a buscaron familiares e criados non deron con ela por ningures. Un tempo despois abandonaron o busca.
Uns anos máis adiante, un día de moita neve, Egas foi de caza e deu cunha rara e fermosa cerva branca. Armou o arco e dun só disparo matou o animal. Como era tan grande non puido levala el só para a casa así que decidiu cortarlle unha das patas dianteiras e gardala no fardelo para amosarlla ao pai como proba da súa fazaña.
Cando chegou á casa e sacou do saqueto a pata da cerva o que atopou foi unha man cun anel que pai e fillo recoñeceron en seguida como o mesmo que levaba Aldara cando desaparecera. Pai e fillo correron na procura do corpo agochado no monte e cando o atoparon, como era de supoñer, xa non tiña figura de cerva senón a de Aldara pero sen a man que lle cortara o irmán (véxase a ilustración de X. Manuel Segade).
PARALELOS NA LITERATURA E NA TRADICIÓN ORAL. O cervo, macho e femia, ten ampla presencia en distintas literaturas, tanto no ciclo artúrico, cando Galaaz, Bores e Perceval contemplan a transformación dun cervo branco en cabaleiro, como nos relatos de corte haxiográfico, caso de Nascien, O Eremita, contemplando como o Grial é transportado por un cervo branco.
O cervo acompaña nas representacións a Artemisa-Diana na mitoloxía greco-romana, sendo considerado moitas veces como símbolo da boa sorte, como sucede coa cerva branca de Sertorio, ou, no caso da cerva de Cerinia, como animal obxecto dun dos traballos de Hércules. A cerva branca dos Ancares é elo máis desta madeixa de interrelacións dun motivo narrativo universal.
© Antonio Reigosa (El Progreso, 28 de marzo de 2010)