Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Xeografía mítica

CATEGORÍAS RELACIONADAS

As pisadas do encanto das Anzas

Os petróglifos podomorfos das Anzas, Ribadeo (Lugo), coñecidos polo nome de “As pisadas do encanto”, atópanse nos lindes da horta de produción ecolóxica de Elia e Vicente, coñecida como As Fádegas, nun vello camiño ao son do río Grande ou Alesancia, que ía dende as Anzas até Salcedo. Nesta rocha hai representadas unhas 11 pegadas do “pé do encanto” e dúas cazoletas.

Relacionado con este petróglifo hai un valioso patrimonio inmaterial. Segundo recolle a lenda, nunha gran rocha á beira do río habita un encanto, unha moza fermosa e loira que deixou as pegadas dos seus pés na laxe do camiño. Polo San Xoán a moza aparéceselles aos que pasan por alí amosando a súa fermosura e mailos seus tesouros, así como unha galiña coa súa rolada de pitos de ouro. A beleza da moza ou a cobiza do ouro, fai que a xente se achegue á rocha, o que provoca o seu encantamento, ficando para sempre no interior da rocha.

A Asociación Mariñapatrimonio informou o pasado mes de xuño ao Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia sobre a existencia dun posible petróglifo podomorfo nas Anzas (Ribadeo). Logo da inspección do xacemento, os técnicos do Servizo de Patrimonio decidiron incluír este ben cultural no inventario de xacementos arqueolóxicos da Dirección Xeral do Patrimonio, co nome de “As Fádegas -As pisadas do Encanto” e coa clave GA 27051023, converténdose no primeiro petróglifo atopado en Ribadeo e o primeiro podomorfo da Mariña.


[Información remitida por Manuel Miranda, de Mariñapatrimonio. Xullo de 2011]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: