Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Xeografía mítica

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O crime da Legua Dereita

Sucedeu na noite do 21 ao 22 de maio de 1911, onde chaman a Legua Dereita, lugar pertencente á parroquia de Nete, concello de Vilalba (na imaxe a casa da vítima). Ao amencer do 22 de maio atoparon o corpo dun veciño do lugar, chamado Ángel Castro Cabarcos,  morto e desfigurado. Todo parecía indicar que fora esfolado por uns sacamanteigas, homes do unto ou sacaúntos tan crueis e sanguinarios coma os retratados nos clásicos do xénero. 

VECIÑOS Todos os implicados no suceso eran veciños e coñecidos, mesmo compañeiros na cuadrilla de segadores que ían cada verán segar a Castela.

O CRIME Na noite do día 21 de maio Bautista Roca Felpeto e tres compinches máis tivéronlle o camiño a Ángel Castro Cabarcos entre Fonfría e a Legua Dereita. Parece que foi Bautista o que lle disparou, e o que con unha ferramenta lle cortou as orellas, arrincoulle os ollos e pel da cara.

 A LENDA En Humanes, Madrid, a esposa do patrón que os contrataba cada ano pola sega  levaba un tempo padecendo un cancro de pel que lle afectaba ao rostro. Os médicos non lle daban esperanzas e un curandeiro que consultou recomendoulle como último remedio posible poñer sobre a parte enferma o pelello da cara dun home desbarbado, sempre e cando a pel lle fose arrincada en vivo. 

O patrón elixiu como vítima a Cabarcos, un home corpulento pero que cumpría a principal recomendación do curandeiro, que fose lampo de cara. E para executar a macabra encomenda contratou a Bautista Roca, de Ínsua, maioral da cuadrilla, sospeitoso autor doutro crime anterior e inimigo declarado de Cabarcos. 

Disque mentres o esfolaban, os seus berros deberon atronar de tal maneira toda a Chaira que o tiveron que rematar con dous tiros de escopeta polas costas. Cando chegou a pel a Humanes uns dous meses despois envolta nuns coiros de xamón, a enferma xa morrera e non a precisaba. 

Non hai unha soa proba de que isto fose así, mais crenzas moi antigas, ben arraigadas, están tras do mito que considera que o corpo humano e as súas partes, órganos ou fluidos, poden ser eficaces remedios curativos para determinadas doenzas. 

Dos tres ou catro implicados no macabro crime, todos veciños das parroquias de Ladra e Ínsua, un fuxiu a Cuba e os outros foron detidos aínda que só Bautista foi condenado a 28 anos de cárcere.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

E certo que hai unha cruz á esquerda vindo de Vilalba, pero non é a que recorda ao crime de Cabarcos. Esa está un pouco máis adiante da súa casa, preto dun espazo que arranxaron non hai moito para depositar escombros e outros resíduos.

Enviado por Gelucha o 07/08/2013 ás 12:47:51


Esqueceume dicir que non é ningunha lenda, foi un feito real, por moi macabro que poida parecer.

Enviado por Gelucha o 07/08/2013 ás 12:48:56


É anecdótico, cando menos, que esta sexa a única lenda que eu coñezo que non posúe versións, aínda dada a súa oralidade. Todas as voces nas que a oín coinciden; algunhas non posúen datos de nomes, mais contan con todos os feitos narrados e coas personaxes protagonistas dos mesmos.
Todo isto fai supor que, máis que dunha lenda propiamente dita, se trate da relación de feitos reais, aínda que a día de hoxe non teñamos probas que aportar nin testemuñas vivas dos feitos narrados.

Enviado por María Xosé Lamas o 03/05/2010 ás 13:31:51


Na Legua Dereita hai unha cruz que se ve dende a carretera que vai de Vilalba a Rábade,do lado dereito vindo dende Vilalba.
E a casa está do lado esquerdo o final da recta,que e a da foto....
Polo que todo indica que e unha narracion do macabro incidente...

Enviado por Naranxo o 30/09/2010 ás 20:34:22


Miña nai contouma así como se narra, anque sen os detalles de Madrid. Pasado o tempo coñecín tamén a un neto (hoxe falecido) de Bautista, que se declaraba honroso (?) descendente daquel asasino.

Enviado por Abel o 05/10/2015 ás 20:23:16


Esta lenda sempre a conta a minha avoa de Oleiros (Vilalba) quando imos em carro por alí, mas nom sabia a historia completa, e com tantos detalhes.
Obrigada.

Enviado por Conchi o 02/05/2010 ás 21:16:52


A historia non lendaria dos acontecementos:
http://elprogreso.galiciae.com/nova/284838-verdad-verdad-crimen-legua-dereita

Enviado por Cora o 26/11/2014 ás 10:15:27


Enviar comentario a este artigo: