Xeografía mítica
CATEGORÍAS RELACIONADAS
A Charca do Alligal
As tres bestas da Charca do Alligal A Charca do Alligal está na parroquia de Codesido, no concello de Vilalba, entre un bosque de bidueiras, illós de auga e terras lamaguentas. Ten feitura de piscina, está murada cun circo de formigón de 30 m. de diámetro e a auga acada os 23º C. Do seu fondo areoso gurgullan varios ollos de augas medicinais, boas para case todas as doenzas, preferentemente para reumatismos e pel. Alí acudiron, e seguen indo, buscando remedio para os seus males, milleiros de persoas, verán e inverno, e ata animais, que de todo houbo, segundo as versións orais. Da Charca do Alligal cóntanse moitas anécdotas sobre curacións e moitos sucedidos que semellan milagres, ademais dunha lenda que nos fala de encantos e doutra, que tamén fala de encantos e de desencantamentos. Da sona daquela curación aínda temos hoxe memoria, por iso é que van moitos dar un baño reparador á Charca do Alligal. E ata se construíu nas proximidades un hotel, con spa, aberto desde 2006.
As tres bestas feridas Aló nos tempos nos que os paxaros tiñan dentes vivían perto da Charca do Alligal tres doncelas irmás. A mala fada quixo que se namorara das tres un malvado con poderes e que ao non ser correspondido fixo que as tres mozas tomasen figura de bestas bravas. Imaxinade o sufrimento das tres mociñas trasmudadas en bestas, non afeitas a andar entre toxos e silvas, agatuñando penedos e sebes, sempre rabuñadas, ensangrentadas e doloridas. A fada, agora boa, quixo que un día descubrisen unha fonte pequerrecha na que as bestas comezaron a fozar coas patas para agrandala e así poder beber. E así o fixeron durante nove días ata formar unha poza; e quedaron milagrosamente limpas de feridas e chagas.
As tres doncelas bonitas Mais, continuamos coa lenda, un día, alguén, unha maga ou unha sabia, viu as tres bestas e sospeitou que non podían ser tal, senón mulleres encantadas naquela figura. A maga achegouse un día ás bestas con tres mazás camoesas, non outras, e ofreceulle unha daquelas mazás camoesas á primeira besta, e ao acabar de comela a besta volveuse moza. Deulla outra á segunda, e outra á terceira, e as tres bestas volvéronse mozas fermosas, primorosas...
Outra lenda da Charca do Alligal Hai tempo foron segar a Castela uns chairegos e o amo preguntoulle a un deles se coñecía a Charca do Alligal. Como dixo que si, explicoulle a maneira de lle desencartar tres fillas que alí tiña. Deulle un saco con tres bolos e pregoulle discreción. Cando chegou á casa, pousou o saco e deitouse, mais a muller, curiosa, abriu o saco, viu os bolos e botoulle o dente a un que comezou a sangrar pola mordedela polo que a muller, asustada, devolveuno ao saco. Ao día seguinte, o home colleu os bolos e foi ata a Charca do Alligal. Tirou un bolo na auga e ao instante saíu unha moza dacabalo dun cabalo branco que lle agradeceu o desencantamento cunha morea de cartos e xoias. Logo, tirou outro bolo e saíu outra moza dacabalo doutro cabalo branco que tamén o agasallou. Botou o terceiro bolo, o que mordera a muller, e de seguido saíu outra rapaza montada nun cabalo branco, pero coxo, pois o cacho de pan era a pata da besta. A moza, aborrecida, quitoulle os tesouros que lle deran as irmás e díxolle que pola súa culpa tiña que quedar alí encantada. Aínda así deulle un pano para a muller. E cando regresaba, por ver como lle quedaría posto á súa muller, presentouno arredor da póla dun carballo. Nunca tal fixera, o carballo arrincouse do chan, houbo un estrondo enorme e disque se pode ver o burato polos arredores do Alligal.
A fonte das Señoras O Equipo Chaira recolleu ata sete versións, aínda inéditas, nas que se di que é lugar de encantos, que se deixa ver alí unha galiña con pitos e unha muller fiando, e que moitos lle chaman a Fonte das Señoras. A máis curiosa di que esta lagoa é neta dunha que hai en Lanzós e filla doutra que está por San Simón ou Vilapedre.
© Antonio Reigosa
Referencias bibliográficas:
Da lenda das tres bestas a referencia é o traballo de Fernando Dióxenes (seud. de Fernando Martínez) e J. Luis García Mato, publicado na serie “Contos e lendas da Terra Chá”, El Progreso, entre o 7 e o 25 de agosto de 1971, e que se reproduce co mesmo título por J. Luis Novo Cazón, en Caderno de Estudos Chairegos, 4, 2008.
Para a lenda das tres mozas encantadas remitímosvos á escenificación ilustrada dos alumnos de 3º ciclo de Primaria do CEIP Monseivane, Lanzós (Vilalba) que podedes ver neste enlace: