Xeografía mítica
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Pedras e lendas do Pedregal de Irimia
No Pedregal de Irimia, cabo de Meira, nacen as augas nutricias do Miño. Aqueles mananciais, mentres arremedan o ronrón do arrolo do río recén nacido, gurgullan por debaixo dunha morea de cuarcitas arrastradas ata alí hai ducias de miles de anos. Pisar aquelas pedras, saltando dunha a outra, ao tempo que se escoita a canción da auga é un dos grandes placeres que se debe experimentar unha vez na vida. Mais, quen puxo alí aquelas pedras? Imos ver.
A vella e os paxaros Uns din que foi unha muller vella que rifaba decote co seu marido e dunha díxolle: —Corre e non mires atrás; se o fas, haste acordar! O home marchou pero non puido evitar virar a cabeza. Fíxoa boa! E a vella, ao tempo que ría, dixo unhas palabras arrepiantes. A seguir uns paxaros enormes comezaron a guindarlle pedras sobre a cabeza ao pobre home; unha que lle atinou en mal sitio, fíxolle afociñar e de contado, por entre as pedras, comezou a burbullar o sangue do lapidado.
O demo Outros din que en tempos recuados houbo naquel lugar un cenobio dos frades cistercienses. O demo tíñalles envexa e matinaba na maneira de derribar o edificio. Unha tarde de verán o ceo escureceu anunciando unha gran treboada. Aproveitando os tronos e lóstregos o demo e os seus axudantes, todos cangados con enormes pedras, presentáronse no lugar coa intención de botar abaixo o cenobio. Os frades comezaron a rezar, a treboada retirouse e entre os claros deixouse ver a figura de Bernardo de Claraval; os demos recuaron e abandonaron as pedras. No antigo coro do mosteiro de Meira había unha cadeira decorada cunha representación deste milagre.
Irimia E Irimia Irimia Fernández contounos que certo día unha meiga chamada coma ela saíra dar unha volta polo monte na procura de pedras para defenderse dos frades do Mosteiro de Meira. Cando xa tiña o mandil cheo, ergueu a vista e viu a cinco frades a carón. Asustada, a meiga fuxiu monte arriba e abriu o mandil, ciscando así as pedras que formaron o Pedregal. Unha variante di que a meiga non perdeu as pedras na fuxida, que llelas tirou aos frades. Irimia, a nosa informante, cre que é posible que esa fose a intención da meiga, pero que os frades asustaron á pobre muller e...
Irimia e o nome do río Miño A lenda achegada por M. Corbelle conta que cando chegaron os monxes a Meira vivía por alí unha vella meiga (maga) chamada Irimia que se negou a pagar os tributos. Os frades, entón, decidiron expropiala pois tiña propiedades moi apetecibles, abundantes en fontes para dar de beber ao gando. A meiga, en vinganza, decidiu cortarlles o abastecemento de auga facendo medrar grandes pedras ata agachar as fontes; e xurou que nunca poderían beber “destas augas de meu” (ou sexa, “miñas”, e de aí “Miño”?). E así quedou aquel lugar, coas pedras disimulando as fontes que fan do Miño un río máxico desde o seu nacemento.
Os pecadores petrificados e a Medusa Gorgona Outra referencia, breve pero moi relevante, achegada por M. Corbelle di que aquelas pedras son homes pecadores petrificados, agardando ser purificados polas augas daquelas fontes. A Medusa Gorgona, o monstro feminino da mitoloxía grega, transformaba en pedra a quen a mirase ou a quen ela ollase.
BIBLIOGRAFÍA